Opinión

Poscolonialismo e absurdo

Pacifiction (Alberta Serra, 2022) é un filme longo, bastante aburrido e cunha fotografía tan bela e perfecta que cansa. Pero, sobre todo, Pacifiction é unha alegoría, en forma e fondo, sobre a política e a xeopolítica actuais.

A non-acción transcorre na Polinesia francesa, o territorio inmortalizado polo pintor Gaugin. Thaití era para o artista o paraíso na terra e os seus habitantes o mellor exemplo vivo do bo salvaxe roussoniano. 

O exotismo converteuse en rutina. Hoxe o arquipélago é un lugar de paso para as cadeas de valor globais, como mostran os contedores apilados do comezo da cinta. Tamén é un gran resort para divertimento de occidentais que, de cando en vez, soporta ensaios nucleares da armada gala. 

A atmosfera viciada de Pacifiction lembra dous filmes de Lucrecia Martel: La ciénaga (2001) e Zama (2017). Un, pola sensación de quitude corrupta e decadente á que convida o clima tropical. Outro, polo absurdo dun poder colonial extemporáneo exercido por unha metrópoli en devalo. A luz de Pacifiction é crepuscular, coma o papel de Francia (e por extensión de Europa) no mundo. Esa luz alaranxada, metálica e nítida que debuxa formas puras coma gumes converte a illa nun gran simulacro. Un pano de fondo kitsch. Como o Hawai da serie The white lotus (2021).

A boa salvaxe é hoxe unha enigmática trans que acompaña, sen que fique claro que relación os une, ao protagonista, comisionado do Estado nas illas. Este fantástico personaxe, falabarato e pagado de si mesmo, sempre de chaqueta branca, é unha mestura entre o protagonista de Fitzcarraldo (1982), un proxeneta e un intelectual da Nouvelle Vague

A cinta mostra, nas conversas sen xeito que ofrece, a inintelixibilidade da política actual. Unha política que non acontece onde debería e que, desde logo, non a controlan os políticos de medio pelo (canto máis os pobos). Esta mutación é tamén xeográfica, o que descoloca ás vellas potencias europeas. A desubicación faise patente na figura do almirante do submarino francés. O seu estraño comportamento, estimulado polo alcool, nun antro onde baila rodeado de indíxenas lixeiros de roupa, ten como colofón, cara ao final do filme, un discurso delirante que exhorta aos seus homes a mostrar valor o día seguinte; no cal, se supón, pois tampouco está moi claro, estourará a bomba nuclear que mostrará de novo a grandeur de Francia no mundo.

Comentarios