Opinión

Organizadores

Pásanme un artigo publicado en A Nosa Terra no ano 2007 asinado por Bieito Alonso. Nel lémbrase como se desenvolveu, no seo do movemento nacional-popular galego e no contexto da cidade de Ourense, iso que oficialidade chama a Transición.

No texto aparecen unha restra de nomes evocados como fundamentais. Non se menciona a influencia de grandes teóricos do marxismo nin se apela a intelectuais de sona. Son nomes de activistas e militantes. Algúns de certo predicamento hoxe. Non tanto daquela. Trátase da nómina dos que, con máis entusiasmo que formación, improvisaban conferencias sobre historia, preparaban pancartas e actos informativos, convocaban asembleas e se agrupaban en institucións culturais que eles mesmos puñan a andar.

Levaban a cabo, se cadra sen sequera telo coñecido ou lido en profundidade, a noción de intelectual que manexaba Antonio Gramsci. Un intelectual que non basea a súa acción na "elocuencia", característica que actúa como "motor exterior e momentáneo dos afectos e das paixóns", senón no vencello coa "vida práctica". Un intelectual non burgués, viña dicir Gramsci, non pode ser un escolástico senón alguén que facilita a organización dos de abaixo.

Na serie de entrevistas, a cargo de Xan Carballa, que está a publicar este xornal, agroma algo desa mesma concepción práxica do intelectual. As protagonistas son persoas que tamén viviron a Transición e que contribuíron a levantar un movemento sociopolítico case que da nada.

Non está no meu ánimo glorificar o pasado. Nada debía ser fácil a mediados dos setenta para quen nadaba a contracorrente. A maior formación das novas xeracións debería ser un valor engadido para crear unha nova camada de intelectuais prácticos. Pero o certo é que a combinatoria de academicismo cos novos xeitos de sociabilidade nas redes sociais promove o tipo de intelectual elocuente e mobilizador de afectos na fugacidade do chío antes que o intelectual organizador. Algo patente no auxe e devalo da Nova Política.

No fragor da batalla tuiteira, sobre todo na esfera española, abundan as vedetes e a literatura política de moda que, semellando esclarecer moito, só esclarece o temperá da súa caducidade. A esfera galega é algo distinta. Máis caladiña, menos dada á gabanza estupenda e ao debate aberto (raposería ou síntoma de subalternidade?).

Aquí todo semella transcorrer por vieiros secundarios e petit comités, mais a ausencia de debates de moda non propicia unha ratio maior de organizadores. Porca miseria.

Comentarios