Opinión

Orde e desorde

As eleccións son o mecanismo que teñen as democracias liberais para xestionar o cambio social. Esta irrupción do imprevisto sobre o rutineiro é permitida sempre que o novo se incorpore de xeito controlado. Para que nada se desboque, existen múltiples condicionantes que impiden que a vontade xeral dea saltos no baleiro. E porén, as campañas e as eleccións seguen espertando vertixe en milleiros de persoas. Vertixe que pode ser expresión tanto de ilusión polo que se está por coñecer como de medo polo descoñecido. Ilusión e medo, dous grandes motores da vida política, concitáronse nas últimas eleccións galegas. E venceu o medo. O cal é paradoxal, porque a continuidade do PPdeG non augura máis que desorde. 

Non era o máis espectacular, pero o mellor vídeo do BNG en campaña foi o do diálogo entre Ana Pontón, coa filla da man, e o seu pai. A metáfora da árbore que se planta para o futuro é, no tempo presente, algo máis ca un lema de libro de autoaxuda. É unha necesidade. Detrás desa conversa translucía o que todos sabemos: o mundo camiña sobre o desastre e conduce ao desastre. Angelus Novus. Os mantras modernistas, segundo os cales, a "astucia da Historia" acabaría impoñéndose por máis dor que xerase o parto, están en cuestión. É un cambio de paradigma que pon o dereito do revés no que ten que ver coa idea de conservación e mudanza. Neste sentido, o vídeo do BNG era unha proposta de orde.

O neoliberalismo é hoxe a ideoloxía da revolución permanente. Un desafío radical a calquera arela de continuidade, seguridade ou expectativa. Máis ca nunca, todo esvaece no ar. Se cadra, Galiza segue a ser un país onde reina un "atraso ideolóxico". Por iso o PPdeG, malia ser unha maquinaria destrutiva neoliberal, continúa apelando a ideas como a estabilidade para gañar eleccións e a situar os opositores na desorde e o caos. Como adoita suceder nos lugares periféricos, a oposición, menos cegada polos focos que nos centros, acaba descubrindo xeitos propios de construír espazos de contrapoder. Velaí, se cadra, por que o nacionalismo galego encarna (xa o facía nos anos 30 do s. XX) unha mestura curiosa, pero tremendamente útil para o presente, de tradicionalismo comunitarista e ideas ilustradas que acreditan na posibilidade de que a humanidade (a humanidade, non só o capital) progrese. Esta mutación no contido das ideas de conservación e de revolución permanente colabora para que, no futuro, o nacionalismo galego entre no electorado do PPdeG sen deixar de ser o que é.

Comentarios