Opinión

O espectro imperial

Leo un artigo no que a hispanista Christiane Stallaert mostra o seu abraio ante o último proxecto de cultura de Estado posto a andar no tempo do "goberno máis progresista da historia". Trátase de 'Historia Hispánica', portal da Real Academia da Historia inaugurado con pompa polo rei. O proxecto realza as glorias do imperio xeolocalizándoas nun mapa. Culmínase así, nas altas instancias, o revival de raigaña falanxista e actualización Buenista.

En 2020 entrevistei a Stallaert para Luzes. Resaltaba a importancia do control da historia na construción estatal española. Entes como a RAH, o Instituto Cervantes ou a RAE son ramificacións do Estado chamadas a pastorear o que acontece na sociedade civil. Stallaert apuntaba que, en 1992 (50 anos despois de Auschwitz) nacían os Memory Studies. Mais a intelectualidade española -intelligentsia de Estado- prefería sumarse aos fastos do "V Centenario" organizados polo PSOE. Sánchez Ferlosio foi, se cadra, unha das excepcións á regra. Na Latinoamérica da altura produciuse, segundo a flamenga, unha crítica que, co tempo, daría lugar a novas teorías anticolonais e decoloniais. Correntes que, podendo ser lideradas a nivel mundial polos intelectuais españois, dada a peculiar natureza da historia peninsular, foron desprezadas. O rastro de Américo Castro apenas sobrevivía en xente automarxinada como Juan Goytisolo.

Fálase de se o soberanismo galego debe abandonar o anticolonialismo que enchoupa parte do seu acervo ideolóxico. É un debate vago, sen definir ben do que se está a falar, sen contextualizar os debates pasados, nin a praxe real, moito máis complexa, do propio soberanismo. Un debate de redes sociais, pero que evidencia algo real: a falta de estudos actualizados sobre o encadre do país no Sistema Mundo. Alén do interese que poida ter a cuestión, non o ten menos mudar a carga de proba: analizar o porqué da pervivencia da idea de imperio nun estado-nación mediano cuxos historiadores, desde os 90, se afanan por "normalizar", malia que os fantasmas históricos regresen unha e outra vez. Que usos ten a idea imperial na España do s. XXI e canto ten que ver coa cuestión nacional interna? Ten a esquerda española unha idea alternativa e articulada de España? Cal? Por que España vai a contracorrente da crítica co pasado emprendida por outros ex imperios europeos? Que significa a persistencia do espectro imperial nun mundo supostamente poscolonial?

Comentarios