Opinión

Sen novidade no labirinto

Dicía Gerald Brenan, no seu El laberinto español, que as elites da I Restauración eran percibidas como "parasitos, que nada producían e non facían outra cousa que movérense no baleiro, con sentimentos e aspiracións propios do s. XVII". O británico vía na chegada das riquezas do imperio no XVII a orixe desa clase flotante, pouco amiga do risco e menos aínda do traballo. Un exército de vampiros que tiña na artificialidade da Corte o seu nicho. O elemento descendente desas elites foi o fidalgo, estrato medio que reclamaba o seu lugar entre os escollidos.

Cando as loitas obreiras e a posguerra propician no s. XX o acceso a certo benestar de masas no norte de Europa e nos EUA, España continuaba rexida por elites que patrimonializaban o Estado en exclusiva. Ao exemplo de Ferrovial –cuxa intrahistoria reemerxeu estes días– e doutras construtoras enganchadas aos contratos públicos, hai que sumar a banca e as eléctricas. Sectores mimados no franquismo, pero tamén no posfranquismo, como ficou claro na crise de 2008 co rescate e, agora, coa barra libre da eólica.

O gran logro do tardo-franquismo foi aggiornar un Estado poboado por camadas populares rurais, pobres e emigrantes, transformando a renda agraria en renda inmobiliaria. A inicios do 2000 o modelo acadou a éxtase tras nutrirse, coma se dun novo s. XVII se tratase, de capitais financeiros alemáns e franceses. Peneirados os perdedores da burbulla, hoxe a disfunción trasladouse ao alugueiro. Pablo Carmona sinala que o problema da vivenda no Estado ten que ver, ademais de cos grandes especuladores, co pequeno propietario. Esta é a versión local do que Piketty chamou a "clase media patrimonial", que noutros lugares optou por formas de capitalismo popular como a bolsa. Identificar o seu peso en Gz sería importante.

Esta nova fidalguía sostén, co seu aliñamento co Estado, os piares da II Restauración. PP e PSOE lexislan para atender os intereses da alianza entre o pequeno rendista e o gran capital que ten no Madrid financeiro o seu bastión. Nese contexto hai que encadrar a reticencia do PSOE a intervir no mercado da vivenda, así como a negativa dese mesmo partido –e dos que aspiran a imitalo– a derrogar a Lei Mordaza creada polo PP para tranquilizar a propiedade e disciplinar "okupas", precarios e manifestantes.

Brenan dicía que o Estado español é o lugar no que a Historia se repite con monotonía. Razón non lle faltaba.

Comentarios