Opinión

Unha novela desapercibida

En 2021, un grupo de zapatistas chegados de América desembarcou na ría de Vigo despois de facer a travesía inversa á de Colón. A traxedia nunca é completa: no acto de recibimento a maioría preferiu non falar en "Castilla", senón nas súas propias linguas orixinarias. Algo semellante a esta fazaña utópica aniñou na imaxinación de Avel.lí Artís-Gener o ano 1967. 

En 1939, Artís-Gener compartiu con republicanos galegos coma Delgado Gurriarán ou Elixio Rodríguez o barco que os conduciría ao exilio. En México, país de acollida, Artís-Gener botou raíces e aprendeu náhuatl. 

Palabras de Opotón o vello (Xerais) é unha novela que aquí pasou desapercibida, ou así mo pareceu a min. Escrita por Artís-Gener en lingua catalá, pódese ler en galego desde 2020. Opotón narra, ao tempo que escribe, as aventuras vividas por el e mais un grupo de aztecas que, poucos anos antes da primeira viaxe de Colón, avistaba as costas da Arousa e rebautizaba Vilanova coma Novo-Yauhtepec.

A tradución, a cargo de Eduard Velasco, resolve de maneira excelente o peculiar xeito de expresarse do vello Opotón. Un personaxe caracterizado con mestría a través dun rexistro cargado de sabedoría natural e de inocencia confiada, a de quen ve por primeira vez un mundo radicalmente diferente ao seu. Esta transparencia na ollada, que vai encaixando os choques culturais con deportividade e curiosidade, deixa momentos hilarantes que provocan non poucas gargalladas no lector. 

A historia recrea unha sorte de encontro entre particulares e universais no que as peculiaridades dos galegos –acostumados como estamos a encarnarmos máis o periférico que o paradigmático– aparecen, a ollos do indio, coma sinónimos do xeral europeo; se ben, co tempo, Opotón decatarase da diversidade que existe entre as persoas e pobos deste lado do mundo, pois irá coñecendo a presenza de diferentes linguas, así como a existencia dun afastado "Gran Señor", chamado o "Tantomontamontatanto", con fama de amolar aos que diverxen. Ao mesmo tempo, a diferenza indíxena, hoxe sinónimo do que ficou "fóra da Historia" fronte as veleidades totalizantes da modernidade europea, encarna, a entender de Opotón, o sentido común universal do que é ser humano. 

Neste xogo de espellos e de equívocos entre o particular e o xeral radica boa parte da graza melancólica dunha novela que, malia rematar en traxedia, non deixa de mostrar que o humor é unha poderosa arma dos débiles, dos derrotados. 

Comentarios