Opinión

Maquiavelo en Palestina

Escoito un investigador colombiano experto na violencia que deixou no seu país o triángulo formado por un Estado falido, o narco e os paramilitares na súa confrontación coas guerrillas. Nun intre da conversa xorde a idea do pobo armado –en Suíza e Israel– e a súa extrapolación a Colombia. 

O do pobo armado é un ítem fulcral do pensamento republicano (e por extensión anti-imperialista). Formulouno Maquiavelo: a cidade de Florencia debía defenderse das inxerencias doutros reinos e do papado, quen contaban con exércitos de mercenarios. Esa noción republicana pervive no centro do Imperio: os cidadáns dos EUA arróganse a potestade de defenderse. Primeiro fronte Inglaterra; despois fronte o indio ao que colonizaba terras; máis tarde fronte a inxerencia do seu propio Estado, inimigo da liberdade individual. 

Este antihobbesianismo é saudable. Salvo por unha cuestión: os cidadáns deben servir á res pública, non a intereses parciais. Os lobbies son nos Estados modernos os auténticos Leviatáns. Velaí o problema do "Totalitarismo" como asunto exclusivo do nazi-fascismo e do stalinismo. A república é un castelo de naipes se os cidadáns son desiguais. Non así en Suíza: o seu estatuto privilexiado (e pirata) crea as condicións para que a poboación goce dunha situación material equilibrada. 

En Colombia, a debilidade do Estado e a existencia de faccións armadas conformaron unha realidade feudal: nos territorios controlados polos paramilitares o pobo era tratado como gleba. Este status prepolítico do pobo é o que reina no mundo colonial. 

En Israel, os colonos armados coa aquiescencia dun Estado robusto tamén se escudan no dereito á autodefensa republicana. Mais pouco durarían sen o contributo dos EUA, o novo papado de Occidente. Como no far west, os sionistas armados ensanchan o territorio a costa dos seus indios particulares: o pobo palestino. Sen un Estado detrás, este só pode recorrer ao rearme republicano aínda que tome a forma alienada da relixión.

Gustavo Petro, presidente de Colombia, é un dos mandatarios que máis claro está a falar sobre Israel e Palestina. Cero equidistancia, malia saber que en Oriente Próximo, o afastado día que finalice a violencia, comezará un proceso aínda máis doloroso, duradeiro e complicado. O mesmo que mostra o interesante cinema de Laura Mora para Colombia: o da cauterización das feridas e da reconstrución institucional.

Comentarios