Opinión

Maeztu

Leo un volume de artigos de Ramiro de Maeztu e comprobo que, de entre a literatura rexeneracionista, o vasco formula a versión máis refinada do nacionalismo español. Maeztu cicatriza logo as feridas do honor perdido coa independencia das últimas colonias de ultramar e avoga por un programa no que "modernización" significa expansión do capitalismo nun territorio que –salvo os focos do País Vasco e Cataluña– aínda non sabía ben que era iso. Hai en Maeztu dúas ideas de importancia para entender o Estado español do futuro, que é o do noso presente: 

1.—Crítico coa esclerose da Restauración, Maeztu propón non "enlearse en política", nin ver nas alternativas republicanas e carlistas o recambio ao existente. Formula a vía do pragmatismo "apolítico". Técnica sobre ideoloxía. "Realismo capitalista". A idea triunfará cando o franquismo, para sobrevivir, se entregue aos tecnócratas do Opus. Fernández de la Mora e o seu "crepúsculo das ideoloxías", émulo de Daniel Bell, porá o ramo teórico. Esa é a ideoloxía da Transición e do felipismo: "gato negro, gato branco, o importante é que cace ratos". Do "patriotismo constitucional", aos grupos de expertos e gobernos técnicos, pasando polas tentativas (xa colmadas no PSOE) dun españolismo de centro-liberal (UPyD, Ciudadanos) e pola consideración das directrices europeas como emanacións dunha utópica política sen política, este positivismo, presente en Maeztu, encarna o nacionalismo banal español que o voxismo embaza coa historiografía falanxista. 

2.—Maeztu detecta dinámicas socioeconómicas que hoxe son diáfanas. Decátase do dinamismo do litoral que, de Vigo a Almería, comezaba a industrializarse máis alá das zonas pioneiras ao norte do Ebro. Intuía a ameaza para o nacionalismo español da aparición dos nacionalismos alternativos, pero propuña usar o escalpelo en lugar da machada. Teoriza a necesidade dunha substitución do pastel colonial de ultramar por outro interno. O seu desexo era que os capitais vascos e cataláns colonizasen (sic) a mísera Castela (fala de Castela como nova India) para modernizala e repoboala. Maeztu prefigura as prácticas extractivo-coloniais do capital sobre o rural "atrasado" que tan ben coñecemos en Gz. Non previu o vasco que Castela nunca se recobraría, que vascos e cataláns non amosarían interese en vertebrar España e que sería a Corte madrileña quen usaría o poder político para chuchar as derradeiras enerxías desa meseta sen función que hoxe chaman España baleira.

Comentarios