Opinión

Madrigalego

"Se as túas mans están limpas é só porque no teu prostíbulo tamén fan a manicura", dille Logan Roy, o magnate da serie Succession, ao seu director financeiro. Ademais da orixe máis obvia a través do saqueo das Indias, na historia hispana hai outros momentos de acumulación orixinaria de capital; isto é, da mancha primitiva que só a manicura do tempo se encarga de puír, legalizar, mistificar, esquecer.

A incautación de bens dos xudeus foi unha delas (o que descapitalizou intelectualmente as elites). Outra, o comercio de escravos africanos, auténtico cúmulo de infamia. A desamortización tamén cumpriu ese papel. Máis recentemente foino o franquismo. Boa parte das fortunas que condicionan a vida do Estado español (até que os fondos internacionais pasen de subalternizalas a liquidalas) teñen a súa orixe na "cruzada nacional".

A biografía do empresario Fernando Fernández-Tapias, falecido hai pouco, di moito da relación entre a burguesía galega e a acumulación orixinaria franquista. A xenealoxía de Fernández-Tapias engárzao coas familias catalás chegadas para explotar os recursos pesqueiros. O propio pai rexentou unha conserveira na que o fillo, pouco amigo dos estudos (o que lle permitiu engadir á súa biografía unha nota de self made man cara á mística emprendedora), entraría a traballar. Mais o golpe de sorte chegaría co seu matrimonio coa filla de Ángel Riva Suardíaz, un oficial do exército franquista enriquecido grazas á súa vinculación co réxime. Fernández-Tapias tería no sogro o valido para a súa entrada no mundo navieiro, onde multiplicará o seu capital.

Como bo exemplar do que Alfonso Rueda chamaría "madrigalego", Fernández-Tapias foi consecuente, no plano empresarial, co que Manuel Veiga dixo dos políticos do país que medraron na Corte: sacrificou identidade por progreso. O empresario presidiu a patronal madrileña e ese outro poder de facto que é o Real Madrid. Ademais, diversificou os seu negocios introducíndose noutros nichos que creceron á sombra do desarrollismo: a explotación de recursos eléctricos, o turismo e a construción.

Malia que o papel couché e a revirada dos seus fillos lembren a algunhas das miserias que retratou a serie Succession, a manicura segue a actuar: unha Fernández-Tapias é a cabeza visible do PP vigués e os grandes cargueiros Suardíaz forman parte da paisaxe da ría coa mesma normalidade que as illas e as bateas. É a orde natural das cousas.

Comentarios