Opinión

Os límites do Caballerismo

O Caballerismo, que asolaga o imaxinario do posible e o desexable en Vigo, non é a tradución dun momento de esplendor: é a expresión dun momento de decadencia. A consciencia deste feito notarase co tempo, de igual xeito que o tempo mostra a inanidade de Feijóo, malia as vitorias campais do pasado. O deserto que vai deixar o Caballerismo aboiará cando os medios regados de subvencións apaguen os focos.

A cimeira hispano-lusa que tivo lugar en Viana do Castelo fixo patente o diferente grao de entusiasmo mostrado polo goberno portugués e o español en unir a fachada atlántica peninsular por alta velocidade. Portugal leva tempo anunciando a súa vontade de completar a comunicación ata o Miño. En Viana, Pedro Sánchez deu unha patada para adiante apelando á necesidade de estudos de viabilidade sen prazo claro. Unha falta de compromiso incomprensible dado o escaso número de quilómetros que lle tocaría completar a España ata a fronteira de Tui-Valença.

Mais a cimeira tamén mostrou a natureza paticurta do viguismo Caballerista. Un fenómeno que non pasa dun provincianismo amigo de pallasadas e políticas de superficie, incapaz de facer da cidade un polo que lidere unha estratexia galega de futuro. O Caballerismo nunca desafía o mandato da Castellana. Detrás dos golpes de peito e dos sinais de vitoria non hai máis ca un delegado do goberno que basea a súa acción en explotar a sensación de agravio, certa e con raíces históricas, que abunda na cidade. Cómpre aquí apuntar un par de cousas: 1. A oposición non provinciana ten propostas deste calado para as vindeiras municipais? Ten unha idea propia da cidade que colme as arelas dos vigueses/as e que ao tempo impulse unha axenda galega autocentrada? 2. Pódese liderar un eventual goberno galego alternativo sen poñer toda a carne no asador na súa cidade máis poboada?

Portugal, como país cunha xeopolítica peninsular propia que é, foxe coma do demo de unir Lisboa con Madrid. Dos buratos negros as elites portuguesas aínda se saben apartar. Non así as nosas elites pailanas e sen pulso político nin autonomía, que celebraron cun xúbilo incomprensible a culminación do modelo radial de alta velocidade. Agardemos, cando menos, que ao provincianismo das elites galegas lles pase o que probablemente lles sucederá cos aeroportos galegos diante da puxanza do Sá Carneiro: a falta de planificación propia saldarase coa acción da "selección natural". Cando iso chegue, comezarán a defender Barajas. Cero dúbidas.

Comentarios