Opinión

Liberal ou iliberal? Democrático

Está de moda falar de réximes iliberais para referirse a aqueles que non cumpren tal ou cal precepto do que se supón que é a “democracia occidental”. Pode que sexa algo útil no ámbito da propaganda, pero responde a unha inexactitude conceptual.

Desde Aristóteles, tense polo tipo de réxime político ideal o mixto, aquel que mestura os tres grandes tipos (monarquía, aristocracia e democracia). As repúblicas e monarquías burguesas actuais consisten nun equilibrio precario de liberalismo (aristocracia ou monarquía constitucionais) e democracia (sufraxio universal e parlamento). En puridade, o grao de democratización dunha sociedade responde á correlación de forzas entre a parte do Estado electa e renovable (o parlamento e outros mecanismos de participación popular) e a parte do Estado inmóbil e burocrática (a xudicatura, certos mecanismos de check and balance, os textos constitucionais e o chamado deep state).

No caso español, e debido a causas históricas, o peso da parte inmóbil do aparello estatal é enorme: España é un Estado máis latinoamericano ca europeo debido ao legado imperial que deixa un Estado flotante, sen nación, no que a dialéctica periferia-centro, indíxenas vs. capital, é fulcral. Un espazo político no que a pobre articulación na sociedade civil dos pobos fai que estes nunca consigan rachar a costra burocrática. E co agravante dunha esquerda centralista empeñada en representar un pobo español inexistente en lugar de erixirse en organizadora da nación castelá. 

O papel do TC, como antes o da Audiencia Nacional, é a mellor evidencia. O poder xudicial substitúe os espadóns militares do pasado, actuando como unha sombra alongada sobre a democracia propiamente dita. Canda a xudicatura, os grandes mass media, que aproveitan o mito da igualdade formal na sociedade civil liberal (igualdade abstracta para organizarse fóra do Estado e actuar como contrapeso a aquel), eríxense en contrapoderes non do que no Estado hai de opresivo e reaccionario, senón do que nel hai de vivo e innovador.

Por iso, contra o esquecemento habitual, para a tradición democrática a sociedade civil non está composta por elementos cidadáns abstractos (o cidadanismo de esquerdas é unha lacra), senón que a sociedade civil é o lugar no que se desenvolve a loita de clases, alí onde a esquerda debe construír poder popular, resultado da cal se coagula un Estado máis ou menos aberto á participación e máis orgánico á realidade nacional. 

Comentarios