Opinión

Os intelectuais e o tempo

Pasei boas horas no pasado lendo algunhas novelas de Umberto Eco. Un mundo literario suxestivo polo seu espírito renacentista e xoguetón. Unha boa hora pasei tamén hai pouco cun documental sobre o escritor piamontés.

Eco desdebúxase hoxe como individuo e transfórmase nun testemuño dun tempo. É o destino tráxico da vaidade intelectual: a singularidade –incuestionable nos anos de esplendor– muta, pasados os anos, nunha mera marca de época.

Coma os recentemente falecidos Milan Kundera e Gianni Vattimo, Eco clarificou o que fluía de xeito informe no todo social. A tarefa do pensador non é tanto crear coma nomear o que a sociedade experimenta.

A mestura entre enciclopedismo e espírito lúdico que destilan as entrevistas ao semiótico resúltannos tan familiares que as daquela palabras carismáticas tornan un chisco naif. O xogo entre alta e baixa cultura; o gusto polo estraño, polo folletinesco, polas teorías científicas falsas, polo ocultismo é hoxe rutineiro en toda parte. Este barullo indiferenciado de datos, crenzas, estéticas e hipóteses son o combustible dos Tiktok e das fake news. A IA levará esta indiferenciación a graos insospeitados.

Eco albiscou o evidente cando non o era, pero algo ficaba nel dun tempo anterior. O intelectual é un ser de fronteira: camiña, o primeiro, o territorio que se estende cara adiante, pero sen evitar que a area do terreo percorrido lle impregne os zapatos. A fobia antitecnolóxica de Eco, a súa incongruente contraposición entre biblioteca e Internet delata o que tiña de intelectual decimonónico. O mesmo sucedía co desenfado co que interviña nos medios e nas conferencias multitudinarias: este chocaba coa súa arela por algún tipo de figura de autoridade que peneirase os contidos na época da difusión indiferenciada da información (quen se pode outorgar ese rol nas "sociedades abertas" sen ser acusado de "totalitarismo"?).

Tamén a súa preferencia polo papel fronte a pantalla deixaba entrever que no medio da efervescencia que producía a conversión da cultura en cultura-pop había un terror á espreita. Unha gran nada devoradora que o empuxaba a salvar algunha reminiscencia do venerable. A mesma motivación que tiña Xurxo de Burgos –o monxe da máis famosa novela de Eco e a priori alguén dun talante moi diferente ao escritor– para evitar, ata as últimas consecuencias, que a auctoritas de Aristóteles puxese fóra de control o infinito potencial desmitificador do humor.

Comentarios