Opinión

In Biden We Trust

Os equilibrios ideolóxico-políticos que reinaron en boa parte do século XX remataron hai tempo. É o que Enrico Berlinguer chamou con acerto a fin do impulso de 1917. Dese convencemento xurdiu o eurocomunismo, aínda que este, no caso español, ten derivadas máis charramangueiras.

Hoxe, como no século XIX, o mundo volve ser cousa de Occidente vs. o resto. Pero mentres que o resto xa non é un feixe de tribos "primitivas" (como se concibía a África da altura) ou de Estados decadentes (como era a China posterior á guerra do opio) a esquerda otanista (fracasado o experimento eurocomunista que derivou na Italia berlusconizada) semella tentada a repetir o eurocentrismo da socialdemocracia anterior á Revolución rusa, que bendicía a carreira imperialista e asinaba créditos para a Gran Guerra. Repetir como farsa, enténdase: entre o vello SPD e o Partido Demócrata dos EUA hai quilos de marxismo de diferenza.

O triunfo da extrema dereita en Europa non se evidencia só nos cachas de Desokupa e no revisionismo historiográfico. En boa medida, todo iso é folclore, como o era a gomina falanxista e as audicións wagnerianas nos anos 30. O corremento ideolóxico xeral é o gran triunfo da extrema dereita. O termómetro máis fiable son as opinións da progresía de clase media sobre os movementos tectónicos que están a ter lugar no sur global. Medo nativista vergonzante. Primeiro nós.

Todo no pasado foi mellor. Porque o pasado xa pasou. As loitas de antes sempre foron máis xustas. Os heroes, máis románticos. Alxeria, Vietnam, o Chile de Allende. Recordos conservados en naftalina, coma os vinilos vellos de Silvio Rodríguez e Serrat na casa da praia. A plácida seguridade do inmóbil fronte á incómoda continxencia do presente. O pasado ten menos custos morais e materiais que o presente. Eramos tan novos... e agora tan acomodados... Por iso os centros comerciais venden camisetas do Che Guevara, non dun militar do Sahel con boina de Sankara.

O habitus neoliberal é a rebeldía. Todo o mundo é rebelde cando a revolución é impensable. O enragé de orde cotiza á alza. Oposición da oposición. Trapiello, Savater e tutti quanti, os modelos. Cabreaditos todos, si, ma non troppo, que temos a hipoteca case paga, vacacións reservadas, can adestrado para cagar no penico e abono no Gym.

Comentarios