Opinión

Contra a impotencia política

A II Jornada de Estudo do Espaço Clara Corbelhe debruzouse na cuestión do político na Galiza do presente. Borxa Colmenero contextualizou: o neoliberalismo xestiona o conflito a través da inclusión e exclusión no corpo político. Tecnoloxía anuladora da política de grande eficacia se botamos a vista atrás á xa longa etapa neoliberal. Hoxe, o partido emancipador caracterízase pola impotencia. O dado sae indemne mesmo ante grandes acumulacións de contrapoder e de toma de parte do Estado. Albert Botrán, militante da CUP, revisitou o procès de Cataluña e as súas impotencias.

O fracaso foi aínda máis evidente na primeira reacción á gran crise de 2008. Daquela, a UE estimou viable obviar a decisión do pobo grego sobre o memorando. A cuestión da soberanía xa non atinxe só as nacións sen Estado, tamén as que o teñen. O músico Salvador Sobral dicíao nunha entrevista de variedades: “Portugal non é un país para os portugueses, é un país divertido para os turistas e a xente que merca casas”.

O desánimo e a confusión é maior perante o dano ecolóxico que xera o modo de produción. Brais Estévez puxo o foco avogando por unha estratexia de articulación do múltiple desde as marxes que, a quen isto escribe, lembra ao que nos 90 propuña xente coma John Holloway. O futuro xa é pasado. O capitalismo é a un tempo unificador e disgregador. Homologa e atomiza. Como pensar a resistencia? Múltiple contra a homologación, única contra a disgregación? Pensar sen dicotomías? Combinar Hegel con Deleuze? A cuadratura do círculo? Con Ana Cabana algo aflorou da idea de unión de contrarios: non se pode ser comunidade as 24 horas do día, dixo con humor. Un é individuo.

A comunidade emerxe cando se necesita. Interesante intermitencia que, se cadra, precisa dalgunha ancoraxe que palie o risco de que a comunidade non volva aparecer cando se necesite. Cabana deslizouno: para a antropoloxía quen sostén a comunidade son os mortos. Velaí un Un dentro do Múltiple. O devezo de continuidade reforza o interese de lecturas como a que Pablo García fixo d´A soldadeira de Luís Seoane.

A presenza en Seoane de resaibos benjaminianos acompaña a nosa procura do sólido entre o líquido. Mais como a teoría sen práctica é escolástica, Antóm Santos baixounos á terra apelando á dimensión práctica e non dogmática do político. Algo apoiado con enxeño por Xabier Macías quen, citando a Camilo Nogueira desde o público, alertou: “para baixar á terra, primeiro hai que baixar de Marte”. E niso estamos.

Comentarios