Opinión

Imaxinarios en crise

Non sei ben por que me gusta tanto o cinema de Alfred Hitchcok. Penso que, conforme van pasando os anos, recréome máis na epiderme do seu mundo, no que o seu cine ten de puro gusto Mid Century norteamericano. Se cadra resultaríalle simpático, a unha persoa con gran sentido do espectáculo como el, saber que o seu legado é hoxe visionado coma quen goza unha cadeira ou unha lámpada.

A mestura de comercialidade (aínda pouco cínica para a ollada actual) coas ínfulas intelectuais que o tempo se encargou de colocar no seu xusto lugar seguen concedendo un grande encanto vintage a esta filmografía.

Algo diferente sucede co fondo da maior parte das súas películas. Con esa sorte de freudismo esquemático que está detrás de moitas das tramas. Este xa non se sostén. A ollada posmoderna, estetizante e irónica, é a que mantén vivo o traballo do director británico.

Se boa parte do cinema clásico destila patriarcado polos catro costados, o de Alfred Hitchcock leva a palma non só no que ten a ver co seu machocentrismo, senón, directamente, coa súa misoxinia. Moitas das súas películas están poboadas por solteiros de ouro, homes sol arredor dos que orbitan mulleres incompletas empeñadas en cazalos. O que conseguirán na medida en que acepten transformarse en algo diferente, en algo coincidente co desexo do protagonista; quen se erixe, así, nunha sorte de oleiro que modela o corpo de Eva ao seu antollo.

A masculinidade observable no cinema de Hitchcock é unha versión destilada, intelectualizada e aburguesada do tipo de home que, ata non hai tanto, encarnaba o modelo para todas as clases sociais. É o tipo de masculinidade que hoxe supura a súa crise en forma de violencia núa e resentimento.

O partido dos divorciados e os Incel, que asomou a pata a raíz do acontecido coa selección española de fúbol feminino, conserva no seu imaxinario o tipo de varón que encarna o Roger Thornhill de North by northwest: esa sorte de Don Draper sen pasado escuro (Mad Men é un produto doutra época) seducido por unha espía. Tamén do Jeff de The rear window e do John Ferguson de Vertigo, homes, os dous, impedidos (impotentes?) que necesitan poñer en movemento toda unha grande acción co único fin de facerse cunha femia sen que isto menoscabe o seu dinamismo. Frente a estes, a muller é un fetiche (isto é, un feitizo), un espectro ameazante que, como en Marnie, depende da intervención masculina para puírse. Para encaixar no molde forxado pola ollada do home.

Comentarios