Opinión

Igualdade

Tras cofarse ata a pornografía na idea de liberdade, teima o PP en facer o mesmo coa de igualdade. A dereita españolista, oposta a calquera horizonte plurinacional, amárrase ao retrouso da "igualdade dos españois fronte á lei" como xeito de mazar no electorado progresista e de distanciarse –con pátina afrancesada– dos refachos fascistoides de Vox. Porén, ambas as dúas dereitas, dado que son máis borbónicas que austracistas e máis neoliberais que católicas, afástanse de certa tradición conservadora españolísima proclive á descentralización (a que aínda representaba o "pai da constitución" Miguel Herrero de Miñón).

Se Alfonso Rueda xa demostrou ser vangarda da concepción da liberdade sen igualdade cando se manifestaba contra o galego nos tempos do bipartito, hoxe é ariete (presidindo unha nacionalidade histórica!!) do principio de igualdade sen liberdade. E é que a achega de Rueda e do PP á idea de igualdade, como antes á de liberdade, é a dun positivismo xurídico no que o marco legal é punto de chegada, non de partida.

Para a tradición republicana, un é libre se é "igualmente libre" que os demais; é dicir, se conta coas mesmas oportunidades de partida –no caso das clases, se conta coas condicións materiais para ser libre; no caso das nacións, se as diferentes comunidades contan coas condicións político-xurídicas necesarias para exerceren a liberdade colectiva–. Para o pensamento republicano (e para o seu herdeiro socialista), a cuestión non é de "Ser", senón de "Poder facer". Non de ser libre, senón de poder levar a cabo a liberdade. As ideas de liberdade e de igualdade que esgrimen Rueda e o PP están illadas unha da outra, mais a liberdade sen igualdade é a liberdade dos poderosos. Así como a igualdade sen liberdade é unha apisoadora de minorías.

A terceira pata do lema, a eclipsada fraternidade, actúa como marco comunitario no que se desenvolven as outras dúas. No que toca ao problema nacional español –como sinalaba nun artigo recente Ignacio Sánchez Cuenca– a cerna do asunto é a existencia, dentro dun estado unitario, de varios "demos". Isto é –engado eu– de varias comunidades que aspiran a institucionalizarse como ámbitos de fraternidade (é dicir, como universais concretos). A claridade de ideas de Sánchez Cuenca a respecto desta cuestión non abunda entre a intelectualidade de ámbito estatal, se cadra por iso, o PP ve na práctica de pescar no río revolto do gran lema republicano un camiño practicable.
 

Comentarios