Opinión

Hexemonía, esencialismo, liquidación

Através Editora tira do prelo Xoán González-Millán. A projeção de um pensamento crítico. Un traballo coordinado por Arturo Casas, Isaac Lourido e Cristina Martínez que reúne textos de diversa autoría nos que se revisa a obra deste investigador que trouxo ao estudo do campo literario galego enfoques novidosos da academia dos EUA. Da obra de González-Millán interesoume, no seu momento, o emprego de ideas gramscianas, aínda que fosen peneiradas polos cultural studies. González-Millán aplicou á literatura propostas arredor da hexemonía que, tempo despois, poría en circulación a chamada Nova Política. Unha das súas formulacións máis coñecidas é a que diferenza entre "nacionalismo literario" e "literatura nacional". A madurez e vontade hexemónica dun sistema literario viría condicionada pola súa capacidade para actuar como espazo nacional, máis ca nacionalista.

O conxunto de achegas aborda diversos planos da produción de González-Millán. Desde a presenza e ausencia das teorías feministas, por parte de Helena González; ata un repaso escolástico das influencias no seu pensamento, por parte de Arturo Casas; pasando pola importancia de concibir as literaturas subalternas coma "discursos" con implicacións que van alén do literario, por parte de Alejandro Alonso. Para quen isto escribe, o texto máis potente é o asinado por Pablo Pesado, quen foxe da exexese para tratar de continuar o legado de González-Millán. Algo que tamén fai Isaac Lourido na súa achega sobre a "cultura da normalización".

Pablo Pesado cuestiona que o campo literario galego, entendido como literatura nacional, acadase maior autonomía e calidade literaria. E amósase punzante ao preguntar por canto nacionalismo literario español hai na literatura galega e por cuestionar que sexa posible ter unha literatura  "normal" sen os dispositivos que só o Estado-nación outorga. O que Pesado di da literatura é aplicable á política. A Nova Política desbotou, por "esencialistas", os enfoques do nacionalismo galego en aras dunha idea máis ambiciosa de hexemonía. Porén, a falta dun Estado, o elemento que asegura a reprodución (a "esencia" dos "nacionalismos cívicos", diría eu), acabou provocando unha disolución do movemento político na forza do Estado constituído.

Se cadra, saír do ciclo da "esclerotización autárquica" vs. a "apertura liquidacionista" (como saír do  ciclo do poder constituído vs. o poder constituínte) só é posible aceptando que a verdade non está nunha das alternativas por separado, senón na contradición no seu conxunto.

Comentarios