Opinión

Habermas

Jürgen Habermas foi, durante anos, unha especie de termómetro do sentido común "ben temperado", ilustrado e optimista a respecto da marcha das democracias liberais e da construción europea. Mais tras a crise do euro que seguiu ao crac financeiro de 2008, e que supurou na forma dunha crise da débeda soberana en Grecia, o alemán deu os primeiros sinais de aviso de que algo ía mal. Alemaña, dicía Habermas, estaba dilapidando o seu capital político ao volver ás pretensións hexemonistas en Europa.

Como bo hexemón fallido, pouco duraron estas pretensións alemás. O conflito Rusia-China vs. EUA, que está a supurar a través da desgraciada Ucraína, mostrou que Alemaña, que desde a II Guerra Mundial ten o seu chan repleto de tropas americanas, serve para disciplinar os "indolentes" europeos meridionais, pero nada pode cando do que se trata é de ser un axente político global autónomo. A impotencia para atallar o corte de mangas inglés tras o Brexit, a inacción ante a sospeita, cada vez máis fundada, de que a voadura do Nord Stream 2 foi cousa dos EUA e a polaquización de Europa, así o indica. Para poder exercer como axente global, Alemaña necesitaría liderar, no mellor sentido do termo, unha Europa menos tecnocrática e máis arraigada na complexa e múltiple realidade do subcontinente. Algo que está lonxe de suceder.

O noso termómetro demoliberal, Jürgen Habermas, escribiu a favor da negociación en Ucraína e en contra da escalada belicista, e alertou do absurdo que é pretender derrotar militarmente unha potencia nuclear e territorial como Rusia. Europa, dicía o europeísta Habermas, está volvendo a perder a memoria. Mais desta volta, as palabras do vello filósofo non foron escoitadas coa veneración doutros tempos. Lonxe fica a ascendencia que no Estado español tivo o refrito do seu "patriotismo constitucional" (tentativa, probablemente ilusa, de pensar unha orde legal posnacional) esgrimido nos 90 e primeiros 2000 por toda clase de falabaratos e ex franquistas, hoxe moitos deles abertamente voxistas. No seu propio país, Habermas está a sufrir unha caza de bruxas por expresar o obvio. Quen antes era un entrañable sabio, hoxe é tratado coma un ancián senil. Que o novo liberalismo-verde, entusiasmado coa OTAN, estea á dereita de Habermas no tema da guerra entre potencias di máis do corremento á dereita que está a sufrir o mapa político europeo, que de Habermas.

Comentarios