Opinión

Feijóo, Díaz e a non-historicidade

A historia ensina pero non ten alumnos, adóitase dicir. Mais hai algo previo: a condición de posibilidade para aprender da historia consiste en distinguir entre quen entra na categoría do histórico e que non. A europeidade (ou a súa carencia) nutría a versión vulgar da separación entre pobos con e sen historia. Nada se podía aprender, desde este postulado, dos pobos periféricos: a súa natureza infantil invalidábaos para encarnar calquera tipo de paradigma.

Algo desta cosmovisión pervive no xeito en que a opinión publicada española se relaciona cos acontecementos políticos sucedidos en Galiza. Coma reacción, dicimos que todo sucedeu antes aquí: unha boutade coa que exorcizar a sensación de sermos un lugar algo marciano para España. Un modo de autodefensa.

O tropo do galego coma o non-histórico en España reprodúcese no presente a través dos personaxes creados arredor de Núñez Feijóo e Yolanda Díaz. A narrativa sobre o Feijóo moderado, un relato alucinado para calquera progresista galego, fluía de modo transversal entre os comentadores españois de todo pelaxe. Moitos descobren agora con abraio o erro; coma se Feijóo fose unha tabula rasa inextricable. Outro erro de percepción consiste en catalogar o goberno de coalición entre PSOE e Podemos coma un fito histórico. O esquecemento do bipartito galego polos plumillas españois cégaos para prever cal será a teima de Feijóo se, tras o 23-X, accede ao goberno central: fará da coalición o bode expiatorio de todo o malo que suceda no futuro para eliminar do campo do imaxinable unha posible reedición da fórmula.

Con Yolanda Díaz sucede algo semellante. Ninguén parou a analizar de veras quen é esta persoa. Cal era a súa posición na política galega antes do 15-M, como decorreu o seu ascenso vampirizando a figura de Beiras, cal foi o seu comportamento cando o caótico mundo das mareas estaba no cénit e cal foi o calibre do fracaso dela –e doutros galegos e galegas que a acompañan en Madrid– nas autonómicas de 2020. Parecería lóxico que o pasado de Díaz fose examinado con lupa polos comentadores españois, mais a impresión é que o cheiro dos cadáveres que acumula Díaz no armario non é catado alén do Padornelo.

Todo isto carecería de importancia para nós se non fose porque a visión ahistórica do país tamén atravesa as opinións de moitos galegos e galegas. Cómpre logo seguir rachando a pedra da heteronomía cultural. Insistir na tarefa de facer do noso particular un universal converteranos en axentes históricos.

Comentarios