Opinión

Extractivismos

Co título de 'Para uma crítica galega da razão extrativista', e cunha impactante portada de Andrés Currás (autor tamén das coidadas fotografías interiores), aparece o número 3 da revista Clara Corbelhe. Unha entrega que consolida o proxecto como referente do pensamento crítico galego.

Detereime nos textos que máis me interesaron. O asinado por Pedro Rey dá conta das últimas interpretacións non economicistas de Marx. É un Marx consciente dos efectos que causa a expansión capitalista no metabolismo natural e, por tanto, na reprodución da vida. Para quen isto escribe, este Marx (que xa era o de Harich, Sacristán ou Bellamy Foster), xunto co Marx republicano de xuventude e o Marx antropolóxico da vellez (o de Dussel ou Musto), é o Marx con máis futuro.

O suxestivo artigo de Pablo Pesado e Helena Miguélez aplica con proveito a noción de extractivismo ao campo cultural galego. Un fenómeno que relega a produción simbólico-literaria do país a unha posición subalterna a través de imaxinarios exotizantes. Mais non sería esta unha cuestión allea ao material: a suxección dos creadores galegos aos mecanismos de recoñecemento e posteridade da cultura dominante expatría os centros de decisión e succiona talento. Cómpre salientar tamén a achega de Henrique Lijó sobre a minaría. Unha visión ponderada que xebra as diferenzas entre o caso galego e latinoamericano, pero que non banaliza os seus efectos: trátase dunha actividade destrutora do territorio e exportadora de materias primas sen transformación.

A proposta asinada polo consello de redacción, ocúpase, a través do traballo de campo, da complexidade das actitudes presentes nos concellos rurais ante a expansión eólica. Conclúe o texto cunha reflexión que, en boa medida, pecha o círculo que iniciara o primeiro artigo: a motivación dos movementos de resistencia fronte o capitalismo "verde" é o de defender as "formas de vida"; un concepto que antropoloxiza e enche de contido o máis abstracto da "reprodución da vida". Neste matiz, engado eu, descansan moitos dos desencontros arredor de que cousa debe ser hoxe o ecoloxismo e a propia esquerda.

O conxunto de achegas mapea o estado da cuestión no mundo rural galego. Máis desdebuxado fica o mundo citadino. Tería sentido deterse nos procesos de precarización laboral, privatización do público e desposuimento e turistificación das cidades como a versión urbana da "destrución destrutiva" que guía a razón extrativista do capitalismo actual?

Comentarios