Opinión

Esquerda liberal

En novembro de 1975 estaba prevista a intervención de Pier Paolo Pasolini no congreso do Partido Radical. Dous días antes o intelectual foi asasinado, polo que a súa intervención leuse de forma póstuma.

No seu discurso, Pasolini aclaraba que non estaba no congreso como radical, senón como comunista. A partir de aí, iniciaba unha crítica implacable á esquerda que substituíra o a priori da existencia de explotados e explotadores por un discurso que pretendía, unicamente, que os explotados aspirasen a confundirse cos explotadores; isto é, a seren "burgueses con dereitos". Para Pasolini, esta redución da loita política á retórica dos dereitos civís liquidaba as formas subalternas de cultura, o que cancelaba tamén a dialéctica que se establecía entre a cultura da clase dominante e a da clase dominada. Un novo "conformismo" que habería levar a unha nova trahison des clercs, a unha nova traizón dos intelectuais.

Unha década despois, no contexto da emerxencia do partido verde alemán, ten lugar a loita entre "fundis" e "realos". Os primeiros eran ecosocialistas, escépticos coa idea de crecemento e pouco dispostos a "normalizárense". Os segundos eran todo o contrario: posibilistas e amigos da retórica do desenvolvemento sostible. Sobra dicir quen gañou a batalla.

Radicais italianos e verdes alemáns son dous antecedentes do tipo de esquerda otánica que hoxe vemos florecer. No Estado español, un pioneiro deste baleiramento ideolóxico a través da retórica dos dereitos foi José Luis Rodríguez Zapatero, o mesmo que introduciu con nocturnidade a reforma do artigo 135 da Constitución que habería priorizar o pagamento da débeda exterior a calquera outro criterio. Zapatero semellaba avanzado para un partido de Estado coma o PSOE, mais consideralo referente da esquerda é un caramelo envelenado que só pode beneficiar a ese mesmo partido de Estado. Os continuadores da súa estela, engadindo unha capa soft de clorofila, foron o errejonismo inicial do xiro lingüístico e Equo. O errejonismo actual fusiona ambas ideas nesa especie de Partido Demócrata á ianqui que é Más Madrid –o que confirma, por outra banda, que Madrid é unha cidade americana–. O aliñamento do PCE co radicalismo verde-liberal de Yolanda Díaz podería sorprender se este partido non practicase o transformismo no pasado recente. María Antonieta tamén celebraba bailes de máscaras en Versalles pouco tempo antes de pasar á historia por outros motivos.

Comentarios