Opinión

Dos patinetes

Dun tempo a esta parte o barrio encheuse de patinetes. A cidade é costenta e a cultura da bicicleta escasa. Polas mañás, crúzome con persoas, sobre todo mozos e migrantes, que se desprazan en patinete ao lugar de traballo. A presenza do patinete nas rúas di cousas do tempo en que vivimos. O neoliberalismo é un gran mecanismo infantilizador. Promete a satisfacción libidinal imaxinaria a través da regresión á nenez ao tempo que endurece as condicións reais de vida dos adultos que infantiliza, vetando o cumprimento dos desexos. O patinete é un dos tantos gadgets creados para unha sociedade anulada por medio do entretemento e explotada a través da precariedade. Un xoguete sen graza para maiores.

O patinete é a alternativa barata para a mobilidade privada dos traballadores pobres. O pólo oposto ao esquema do coche familiar e un retroceso a respecto da motocicleta, cando menos no que respecta á forza utópica que proxectaba a velocidade nos antagonistas da institución Familia (os Easy riders do 68). Estritamente individual e cunha normativa de uso desregulada, o patinete é a "moto dos chinos" dos que non teñen fillos por cuestións económicas, mais que ideolóxicas.

O traballador pobre non sae da urbe. Non ten aldea, non ten segunda vivenda, nin moitos cartos para sufragar excursións de pracer. A este trazador de movementos de radio curto abóndalle co motorciño do patinete. A falta de potencia é propia dunha clase obreira despotenciada politicamente. O patinete é a asunción paulatina de que, no mundo do petróleo escaso ao que nos encamiñamos, as viaxes longas serán para os poucos. Como boa encarnación das fantasías neoliberais, o patinete é un medio ecolóxico. Unha contribución graciosa da clase traballadora ao "capitalismo sostible".

A precariedade do corpo que conduce o patinete salta á vista. O piloto vai de pé sobre unha pequena plataforma con rodas minúsculas cuxos xiros son bruscos de máis. As pernas e os brazos ténsanse para non perder o equilibrio. A disciplina que xera a exposición á intemperie é o da propia vida da clase precaria: en calquera momento podes caer, levar un golpe, perder o control. Se sucede iso, só contas coa resistencia da túa carne. Non hai estruturas sociais, nin armazóns protectores. Cando o escudo colectivo se esfarela, quédache o chaleco reflector que ti mesmo mercaches e a sorte que acumules na mochila.

Comentarios