Opinión

O devir e a política

Grazia Deledda é unha escritora sarda en italiano que, en 1926, recibiu o Premio Nobel de literatura. Ademais de Canas ao vento, editada en 2023 por Irmás Cartoné, a escritora ten outra novela en galego publicada por Huguin e Munin (2012).

Deledda recrea a vida da Sardeña tradicional que puido coñecer na contorna da súa provincia natal de Núgoro (Nuoro en italiano). A súa é unha escrita de cor rexionalista e moi atenta a todo o que ten que ver cos costumes populares. Outro sardo, Antonio Gramsci, quen valoraba a función política do folclore, desdeñaba, porén, o folclorismo da literatura de Deledda por resultar politicamente anulador. Non lle faltaba razón.

A historia de Canas ao vento é a das irmás Pintor -aristócratas pertencentes a unha familia vinda a menos- e mais a do fiel labrego Efix, cuxo sentimento de culpabilidade por asasinar ao vello petrucio da casa lévao a identificarse coa sorte da familia ata o extremo de infrinxirse unha especie de penitencia persoal para que aquela non naufrague.

No seu estudo clásico sobre a Florencia de Maquiavelo, J.G.A. Pocock explicou como o Renacemento italiano secularizou a vella e determinista idea de "Providencia" substituíndoa pola de "Fortuna". A Virtú política maquiavélica, a habilidade do bo gobernante, era a ferramenta para lidar co devir.

O título de Canas ao vento ten algo que ver con isto. A escritora presenta os seus personaxes, en especial a Efix, coma fráxiles xuncos expostos ao capricho da forza do vento. Aguantar o embate ou tronzar é algo que está máis alá da vontade humana. Na escrita de Deledda, o par Fortuna-Virtú aínda non substituíu o de Providencia-resignacion. Velaí a súa apoliticidade.

Poderían trazarse paralelismos entre a obra da sarda e algunha das novelas de Otero Pedrayo. Ambos os dous falan das consecuencias da fin do Antigo Réxime sobre os señores da terra. E malia a inmobilidade social que arelaba Pedrayo, había neste un proxecto político -imaxinar unha clase dirixente para o país- que non se enxerga na novela de Deledda.

En todo caso, si ten certo interese a achega antropolóxica que fai Deledda á cultura labrega. A familiaridade coa que percibimos o sincretismo pagán-cristián sardo volve certificar a unidade substancial da civilización agraria europea, así como os problemas que suscitou o desenvolvemento do capitalismo e a conformación dos Estados-nación en lugares de modernización tardía como Galiza ou Sardeña.

Comentarios