Opinión

Das segundas oportunidades

En Os inútiles (1953), Federico Fellini mostraba o indolente fare niente dun grupo de mozos pequeno burgueses de provincias. Dez anos máis tarde, a súa discípula, Lina Wertmüller, rodaba unha versión do tema en Os basiliscos (1963), onde retrataba outro grupo semellante dunha vila do Mezzogiorno na que o campesiñado aparecía como atrezzo e forza motriz da economía. Aceptar a abulia do tempo de dúbidas, estrañamento e risco que é a xuventude, ou tratar de rachala, é unha cuestión de escolla sen grandes consecuencias para estes mozos que, ao cabo, sempre terán un lugar seguro ao que volver. O seu periplo pode ser máis ou menos patético ou errático pero nunca será tráxico. Sucédelles o que dicía Benjamin dos universitarios burgueses alemáns do seu tempo: "Como lle venderon a alma á burguesía, xunto coa profesión e o matrimonio, exixen uns anos de liberdade burguesa". Tras un período de experimentación acaban regresando á comodidade familiar. En esencia, trátase do fenómeno que vimos no Estado español durante a Transición. O paso do tempo fixo o seu traballo, coa impiedade que o caracteriza, sobre os transgresores burgueses daquela. Hoxe, case que todos se mostran, xa non xente de orde, senón directamente reaccionarios.

Menos opcións posúen os transgresores sen rede. En Los golfos (1960), de Carlos Saura, cóntase a historia dun grupo de rapaces da periferia madrileña que se dedica aos pequenos furtos coa intención de acumular capital para que un deles poida facer carreira como toureiro, obxectivo que, como se pode supor, fracasará. A estes ragazzi di vita, que diría Pasolini, a estes "quinquis"  (versión do mesmo fenómeno que enchía as conversas dos que eramos rapaces nos oitenta) sempre os acompaña a sombra da traxedia. Só un cúmulo de fortuna excepcional pode evitar a saída do burato da pobreza material, cultural, relacional e da falta de perspectivas.

Como se vive esta diferenza no dereito a equivocarse, privilexio de clase onde os haxa, no tempo en que a mocidade roda directamente, co seu móbil, as súas experimentacións? Como de pesada é a lousa do fracaso para quen non ten dereito á segunda oportunidade na época en que os vídeos de Tik Tok ocupan a grella dos telexornais? A conversión dos erros da vida en contido televisivo tamén adoita ser máis frecuente entre os que menos dereito ao erro teñen. Salvo contadas excepcións, a ofrenda de carne ao espectáculo é protocolariamente clasista.

Comentarios