Opinión

Da Gran Controversia

Na bela fachada do Colexio de San Gregorio de Valladolid compéndiase o poder dos Reis Católicos: o seu escudo preside a parte superior. Ocupan a parte baixa uns curiosos homes peludos e barbados, obxecto de interpretacións diversas, pero que tamén poderían lerse coma presenzas espectrais do "indio" atopado no Novo Mundo. O predio acolleu a gran controversia entre De las Casas e Sepúlveda sobre a lexitimidade da conquista. Baixo a doutrina do dereito natural, De las Casas defendía a humanidade dos indios e, polo tanto, o seu dereito a seren suxeitos de dereito. Sepúlveda, porén, defendía a subalternidade do indio e a prerrogativa dos encomendeiros á tutelaxe.

O dereito natural adoptárono, máis tarde, os revolucionarios franceses do XVIII para lexitimar as demandas dos servos fronte a nobreza e inspirará a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Pódese dicir que o dereito natural é unha argucia da razón contra o statu quo. Argucia que hoxe aparece na forma laica da soberanía popular como oposta á nacional. Na filosofía clásica alemá, Kant alíñase coa idea universalista, mentres que Hegel recoñece só as leis estatais. Se ben adoita esquecerse que estas tiñan que ser orgánicas á eticidade da sociedade (por iso Hegel xulgaba absurda a pretensión de Napoleón de impoñer unha Constitución aos españois). Castelao, cuxo pensamento é unha sorte de híbrido das dúas posicións, lembra que a Constitución da I República tamén se alicerzaba nos principios iusnaturalistas, e, como Pi i Margall, pensaba que non había coherencia entre as leis do Estado e os distintos pobos de Hespaña.

Esta é a ligazón entre a subalternidade indíxena e a subalternidade das nacións sen Estado ibéricas. Son dous tipos de exclusión. Unha de raíz. A outra parcial. Na primeira, de plena vixencia como vemos en Perú, os indíxenas non son recoñecidos como cidadáns e, por extensión, como pobo. Na segunda, hai recoñecemento como cidadáns españois pero non como integrantes das nacións que non coinciden coa do Estado. A non adecuación do aparato legal agudízase coa chegada dos Borbóns (cuxa concepción do Estado herdará en Francia o Termidor), e continúa vixente. Se cadra por iso, o intelectual peruano Luis Guillermo Lumbreras di dos seus compatriotas que antes que peruanos "preferirían ser calquera outra cousa". Case unha paráfrase do Cánovas que afirmara que español era, xusto, quen non podía ser outra cousa. Fracaso histórico e impotencia, sensacións compartidas.

Comentarios