Opinión

Cousas postelectorais

Os terzos de Flandes conquistan poder municipal e autonómico fagocitando Ciudadanos. O espírito do "a por ellos" pisa máis moqueta e o "ellos" inclúe máis xente. Madrid é unha metástase da que cómpre protexerse.

Neste contexto de empuxe da dereita, en Galiza a suma de votos de PSdeG e BNG supera os do PPdeG. Non será toda a verdade, pero é parte da verdade. En Ourense, a antipolítica de Jácome trolea o antixornalismo de La Región. O fitipaldi Baltar terá que dar unha virada de volante para seguir na Deputación. Se en España o fascismo se normaliza, en Galiza a ultradereita (fóra do PP) é ultrarresidual.

Hai aquí dúas grandes correntes con articulación galega: a soberanista de esquerdas e a da dereita galaico-española. E unha confederación de aspirantes a Abel Caballero con pouca vontade de galeguizarse. Expertos en blocoloxía, cambien o disco raiado: o PSdeG é a pata que falla.

Rueda non arrisca a que o hype do BNG e un mellor resultado do PSdeG levado pola onda que espera remover Pedro Sánchez adiantando as xerais poida sacalo da Xunta. Quen ten cu ten medo. O marco BNG vs. PP será o que rexa nas eleccións galegas. Cando toque.

Suma de restos: a burbulla mediática chamada Yolanda Díaz está tan picada como a burbulla Podemos. Exemplos: A Coruña, Valencia, Madrid, Barcelona. Xuntar fragmentos sen cohesión nin estrutura permite un ascenso rápido mais endeble. A partir de determinada altura déixase de divisar as persoas apegadas á terra e elas, o único sostén real cando non se é un "partido de Estado", tamén deixan de divisarte a ti. 

No marco "todo es ETA", Bildu tira un gran resultado, mentres que o aragonés Lambán, azote interno de Sánchez e representante do quendismo centralista, marcha para a casa o primeiro. A esquerda estatal non toma en serio a cuestión nacional. Grande erro nun Estado-nación precario como o español. A dereita si a toma en serio. Por iso, cando a disputa polo material se vehicula a través do esquema centro-periferia (que é case que sempre), a esquerda, a remolque do españolismo ambiente, treme. 

Sánchez non podía seguir pegado a Bildu e ERC non podía seguir pegado a Sánchez. Coa contraofensiva da convocatoria de eleccións xerais o PSOE tocará a rebato contra o lobo fascista que el mesmo cebou. A esquerda hidropónica pode ser borrada do mapa a golpe de voto útil. O 15-M é xa, como dicía o verso de Ferrín, un "río de tristísimo outono".

Comentarios