Opinión

Capital, Estado, cidadanía

O cruzamento das rúas viguesas de Vía Norte e Urzáiz constituía o lugar onde o centro se difuminaba e asomaba a pata a periferia, pouco a pouco transformada no barrio do Calvario. Ese segundo círculo do centro, o do muro da Estación, foi, tradicionalmente, un dos lugares no que comezaban as innúmeras manifestacións que viviu esta cidade (o outro é a Dobrada, xa en pleno Calvario). Un lugar non incardinado de todo nos fluxos masivos de circulación de persoas do centro reivindicaba a súa importancia nos días de mobilización.

Coa vialización de Vigo, o enclave onde remata Vía Norte está a formar novas psicoxeografías. O lugar é xa un punto neurálxico da circulación de persoas e, este Nadal, o triángulo formado polo Corte Inglés, a trangallada montada na Praza de Compostela e Vialia viviu momentos de absurdo de masas, amplificado co peche ao tráfico de grandes rúas como Urzáiz ou Policarpo Sanz.

A expresión cidadá da manifestación e o chorro de consumidores e curiosos movéndose polo centro da cidade no Nadal, sendo fenómenos relacionados coa ocupación do espazo público, comparten a forma, nada máis. A idea de circulación, de movemento, de fluxo. A manifestación, versión moderada da folga, toma e transforma o espazo público ao deter por uns intres a circulación normal do capital e a omnipresenza do Estado. O Nadal fomentado polo Concello enmarca e conduce a celebración popular para acelerar o fluír do capital e alongar a sombra do Estado. No happening caballerista, o Concello estataliza a celebración popular. A institución enche a rúa de figurantes cuxa coreografía dirixe. Manifestarse é recuperar o espazo do capital e o Estado para a cidadanía, rirlle as grazas a Caballero integrando un rabaño amorfo en movemento constante é o xeito en que o capital e o Estado crean un pobo á súa medida.

Vén isto a conto porque, despois da bacanal idiotizante, as rúas do centro de Vigo volveron ver unha manifestación, desta volta contra a invasión eólica, saíndo do cruce de Vía Norte. Alegría por partida dobre: porque o espazo público sexa tomado pola cidadanía e porque Vigo volva acoller eventos de dimensión galega, fronte a tentativa caballerista de desconectar a cidade do resto do país. Na axenda xa se albisca outra data na pugna entre cidadanía vs. Estado/capital: o 5 de febreiro diversas asociacións chaman a "reconquistar o papel da cidadanía" alegando que "Vigo somos todos". Ben que me alegro.

Comentarios