Opinión

Britania e Francia

Medio mundo puido asistir a un despregue de medievalismo-pop á saúde da monarquía británica. Unha operación de propaganda á que se adheriron os media españois, por ver se aos Borbóns se lles pegaba o glamour; dado que de corrupción, decadencia e nostalxia imperial andan, tamén, bastante cumpridos. 

A coreografía da coroación de Carlos III confirmou certa tradición british tendente á continuidade máis que á ruptura (ehem!, Eire é outra cousa), á pervivencia do costume fronte o novo; unha visión do mundo que enchoupa a vida das illas, a comezar pola pervivencia dun Estado plurinacional sen constitución ou polo apego á pound fronte o euro. O berce do empirismo contrasta coa tabula rasa francesa. Se unha é amiga da codificación abstracta, a outra éo da concreción consuetudinaria. A coherencia histórica demandaría que o Reino Unido fose católico e Francia a nai da Reforma arelada polos hugonotes. Pero a historia non é unha ecuación e xa dixo Marx que Francia leva a cabo revolucionariamente o que Alemaña teoriza. 

Britania pariu os primeiros intelectuais que denunciaron os excesos da filosofía do progreso ilustrado –John Ruskin, William Morris– porque a colonización ténico-abstracta capitalista triunfou alí antes ca en ningures. En contraste, na Francia cartesiana tutelada por París, o pequeno campesiñado pervivirá ata os tempos da negociación da PAC. No campo filosófico, a patria do carnal Hume é tamén o fogar do analítico Bertrand Russell, mentres que o Estado que liquidou as linguas dos antigos reinos deu ao mundo, nos anos 80 do s. XX, unha pléiade de pensadores irracionalistas e vitalistas.

Dicía a dialéctica maoista que un se divide en dous. Iso sucede coa tradición británica e iso veu dicir nun artigo recente Jacques Rancière sobre a tradición republicana francesa: hai un republicanismo estatista (napoleónico) e outro comunitarista (o xacobinismo de 1848 e de 1871). Malia formárense en francés, aos galeguistas de entreguerras gustáballes máis o mundo británico. O antipositivismo posterior á I GM vía con simpatía o organicismo atlántico. Se Castelao vivise para lelos bancaría o marxismo historicista de E. P. Thompson e non o estruturalismo de Althusser. E porén, na ecoloxista Inglaterra hai séculos que non hai lobos. O que é tanto coma dicir que hai séculos que non hai labregos. En Britania só hai Robinson Crusoes disfrazados de personaxes medievais shakesperianos. Algo que desgustaría aos nosos clásicos.

Comentarios