Opinión

Aquelarre constitucional

A moción de censura de Vox executada por Ramón Tamames clausurou o ciclo iniciado coa crise financeira de 2008. Do 15-M e a súa "democracia real xa" e do 1-O catalán que procuraba rachar o atado e ben atado, nada queda. Mesmo os abertzales e os indicat semellan ir, por motivos distintos, a rebufo. A adaptación á "democracia Real" da 2ª restauración borbónica manda. 

O lucimento en prime time (nada hai casual neste mundo) de Yolanda Díaz, indica que esta é unha operación de Estado encamiñada a debilitar a xa bastante flotante esquerda estatal xurdida do 15-M. A "vella esquerda" de IU/CCOO aplica a Pablo Iglesias a medicina que el repartiu antes. A colaboración dos media progres e non progres sinala que o asunto vai alén da lóxica intrapartidaria.

Na moción asistimos ao esperpento senil de quen fixo parte do espírito entreguista do carrillismo. No seu momento, Tamames fixo ao carrillismo o que este fixo á loita antifranquista: traizoalo. En fronte, unha herdeira desa mesma cultura, que, se hai dous telexornais clamaba a todo volume polo dereito de autodeterminación, a ruptura democrática e contra a ditadura do BCE, hoxe regresa á casa co mantra de que o R78 era a meta dos que loitaron e morreron nas rúas. A catapulta de Sumar consistía en facer panca televisiva na chepa dun fósil. Ou Iglesias espabila ou tras as municipais sucederalle o que a Beiras.

Corroborouse o sospeitado: manter a pantasma da estrema dereita apuntala a estabilidade da democracia consensual. Enric Juliana lembra a complicidade de Tamames no minado do felipismo. A conclusión é obvia: os felipistas eran "os nosos". O cheiro a naftalina realiña o mapa político situándoo onde sempre: na idea de que a C78 é o alfa e o omega. Un ordenamento que, cando o pulso emancipador dos pobos emerxe, mostra o seu carácter opresivo. Desde Suecia, Feijóo deixa facer: a andrómena do consenso despexará o camiño ao bipartidismo. Esta é a revolución pasiva do presente.

Coma no filme de Buñuel O anxo exterminador, a política española é incapaz de saír dun espazo que actúa coma Katechon: termo da tradición cristiá devido en concepto político. O Katechon encarna a idea da "contención contra o anticristo". A irreformable Constitución do 78, loada por Díaz, é o Katechon. A irrupción democrática dos pobos do Estado, o anticristo. Veremos canto tempo de relax permiten estes axitados anos 20. Entrementres, aproveitemos os minutos de esclarecemento político televisado.

Comentarios