Opinión

Sobre algúns tipos de intelectual

Linlle a Ignacio Sánchez Cuenca unha tipoloxía iluminadora do intelectual, para el frecuente no panorama español. Falaba de “intelectuais autárquicos”: figuras carismáticas, pouco acostumadas a elaborar o seu pensamento a través do diálogo, con discipulados fieis pero pechados e maneiras autoritarias no xeito de expresarse. É una caracterización que, con matices, se podería aplicar a algunhas figuras da intelectualidade galega que viviu a maior parte da súa vida durante o franquismo. Escoiteillo a Manuel Veiga: trátase de persoas que prorrogaron a forma de estar propia da clandestinidade, defensiva e pouco porosa á interacción. Iso si, a súa influencia é notable: moitos chegaron a ser grandes líderes políticos e grandes organizadores.

Estas maneiras perviven en parte na xeración seguinte, os nacidos arredor dos anos 50 e 60. En Galiza, o influxo desta xeración deuse sobre todo a través da literatura (o cal é elocuente), tratando de introducir visións novas do país -máis urbanas e cosmopolitas-, pero sen abandonar de todo as raíces autárquicas da xeración anterior, presentes no “xenio romántico” que os impregna. Isto deu lugar a literatos con ganas de profesionalizarse, mais que adoitaban frustrarse pola falta de normalidade do país. Tamén había cadros técnicos ben posicionados na universidade e con certa autopercepción de elite. Son xente privilexiada: o seu tempo é o dunha universidade pouco precarizada e anterior á incorporación de masas. Sen pretender quitarlles mérito, un pregúntase polo cómputo global desta xeración. Se movemos o foco ao plano político, o que se revela é que foron incapaces de rachar o tapón imposto polos seus pais (o relevo aínda se está a producir agora, protagonizado, tarde e con trauma, polos nacidos a partir dos setenta e oitenta). O seu status político é, por tanto, algo peterpanesco; como peterpanesca foi a Transición que lles tocou vivir, dito sexa de paso.

A vida dá moitas voltas. Moitos deses intelectuais literato-universitarios mudaron. Outros non. Máis algo pervive nas novísimas camadas académicas. Entre estas, poderíanse xebrar dous grandes tipos: o intelectual consciente de ser un entre moitos e o que segue percibíndose coma excepcional. Estes últimos están bastante enchoupados da visión tecnocrática (cando non divina) da política, por iso ollan con condescendencia o movemento real organizado, sempre demasiado vulgar.

Comentarios