Opinión

A medias

En Madrid eríxerese un edificio singular bastante descoñecido. Se cadra por iso, a afluencia é escasa (ou iso me pareceu cando o visitei) malia a entrada ser gratuíta e a localización céntrica. Falo do Panteón de Homes Ilustres; coñecido, desde 2022, como Panteón de España.
O predio é de estilo neobizantino e está toucado cun campanile de aire pisano. Foi a culminación, non de todo culminada, dun proxecto chamado a ser un "lugar de memoria" do moderno Estado-nación español. A finais do s. XIX levouse a cabo unha idea que se comezara a xestar xa na década dos 30. Este atraso, que polo medio inclúe outra localización sen continuidade, e os debates sobre quen debía formar parte dos escollidos como epítome da nación tamén fala das dificultades do Estado decimonónico para consolidarse como símbolo dunha España sen cheiro a Antigo Réxime. O feito de que a basílica que debía acompañar o conxunto (soñada, na idea da raíña María Cristina, coma escenario de grandes actos solemnes) nunca se chegase a levantar por falta de cartos lembroume o caso do monólito inconcluso chantado no xacemento de Numancia, outra tentativa de lugar de memoria nacionalista. Entre o desexo e o posible hai un mar inmenso de impotencia.

De entre os políticos que contan con mausoleo no panteón destacan os dous que se sucedían no poder na época da Restauración: o conservador Cánovas e o liberal Sagasta. O primeiro, asasinado por un anarquista, descansa nun sepulcro monumental. Unha escultura do cadáver repousa sobre un sarcófago de aire rexio cun Cristo crucificado entre as mans. En actitude desolada, a patria sublimada no corpo dunha muller chora a morte do prohome.

O mausoleo de Sagasta é menos impoñente. Aos pés do cadáver, a representación do pobo materialízase na figura dun home novo, de roupas e calzado sinxelo e actitude relaxada. Enténdese que quen olle esta figura allea ao rictus do loito debe facelo con indulxencia cara o pobo infantil que, malia soster a espada da xustiza e o evanxeo (isto é, o ethos), vela o defunto coma un can inconsciente facendo garda polo seu dono.

O relativo descoñecemento deste panteón polo común dos mortais é proporcional ao fracaso dunha idea de España non dependente do imaxinario dos Austrias e os Borbóns. En Madrid, onde se vive con intensidade a grandilocuencia imperial-católica, non parece preocupar o asunto, pero que a celebración postrema do poder civil moderno sexa así de discreta dio case que todo sobre ese Estado.

Comentarios