Opinión

1984

Nalgún dos seus textos, a Internacional Situacionista mofábase da burguesía en canto clase que sofre o tipo de urbanismo antihumano e opresivo que ela mesma crea. En comparación coa aristocracia, dicían, a dos burgueses é unha existencia gris; padece as mesmas cidades feas e alienantes que o proletariado, a civilización do coche, a contaminación etc. Continuaban a idea do Manifesto Comunista: a burguesía, ao reducir todas as relacións sociais ao frío cálculo, despoxa estas de calquera sacralidade; e ao facer isto converte a existencia nun deserto. O discreto encanto da burguesía, mostrou Buñuel, consiste en producir unha subxectividade ridícula. 

E porén, seguen xogando a ser aristócratas. En países como Inglaterra, onde a perda do imperio é recente, as elites conservan habitus peculiares. O excéntrico Boris Jonhson, de recoñecida cultura humanística, é quen de extasiarse visitando o Museo do Prado. E Rishi Sunak, o bo suxeito imperial, pronuncia discursos de dicción británica perfecta. É unha burguesía que, sendo igual de descarnada, senón máis, procura a sofisticación herdada da nobreza. 

No Estado español, un imperio de decadencia secular, que saíu do subdesenvolvemento hai dous días e que viviu medio s. XX baixo unha ditadura militar que antes liquidara todo vestixio ilustrado, a burguesía é diferente. Máis americana, pero por outras vías. Máis garavanceira. Máis tosca. É unha burguesía que imita a nobreza autóctona. Campechanía barolenta de latifundistas de palillo na boca.

Emprendedores de Boletín Oficial do Estado. Beautiful people de botox e cocaína. Monarcas galopíns e infantas adolescentes que cagan flores.

Neste contexto é que cómpre entender a metida de zoca de Núñez Feijóo co libro de George Orwell. Feijóo non errou á hora de situar cronoloxicamente un libro pouco coñecido. Non estaba a citar unha obra rara ou moi especializada. Trouxo a colación un clásico popular. Unha icona pop da literatura política. Tan vulgarizada que a confusión entre o título e o ano de publicación resulta bochornosa. O bo burgués Feijóo, o home de negro escaso de calquera distinción, presentouse como o que é: un cínico envolto en mantos venerables para ocultar que está espido. 

Fóra dos algodóns da prensa galega, masaxeadora servil de nobres sen nobreza, Feijóo apareceu ao natural. Igual de baleiro que os burgueses dos que se mofaba Buñuel e os Situacionistas. Vítimas do mundo romo que eles mesmos reproducen.

Comentarios