Opinión

Non o permitamos!

Como un facer de seriedade, neste caso un xogo de textos encadeados, así titulamos e tamén comezamos polo "non o permitamos!" (o berro no artigo publicado neste xornal do 8 de decembro de Xosé Mª Dios Diz, médico especialista de Atención Primaria en Outes). E así anunciamos que, quen imos altos do dente, xa con anos que contar e experiencias que aproveitar, acentuados en emocións e servidos en melancolías, ao abeiro de nós e dos tempos que nos enredan, queremos pelexar cos desexos de non o permitir. Farémolo á vista e feitos do que padecemos en vida e obras, sufrimentos e aconteceres, neste Pobo até o presente.

Os tempos para o intencional anunciado, de non o permitir, van agora por días que se dan entre moitos estados de estar e ser, nun caso sendo máis de nostalxias e noutros, postos no novo ano, configúranse con máis futuros que intuír no mellor das nosas vidas. O que si, é certo que non podemos seguir nos lugares das impotencias sen saber certamente o que non queremos ser, pois un futuro que permitir é aquel, entre outros, o que nos facilita aprender colectivamente, ben  caneando, ben por veces dando no chan, pero erguéndonos sempre e a seguir, que xa imos fartos de soportar nas nosas carnes fachendas directamente proporcionais ás incompetencias de quen teñen as responsabilidades de nos gobernar en Galiza.

Queremos ter a chave da casa e irmos por camiños de gozos e de posibilidades á liberdade. E sempre na comprensión, asumíndoo por querelo, con solucións colectivas, no dereito a decidilo, ou sexa, na soberanía. Por iso as cousas han ser doutra maneira. Xa está ben que as perdas sexan sempre as parellas do baile. Toca abrirnos ás ilusións e  ir pola vida sen perder o futuro de vista nin esquecer o noso pasado. Entremos nos novos días en vínculos irrenunciables coa nosa Terra para determinar limpamente a nosa condición galega, a cal, no deber das lealdades, na fidelidade de facer esperanzas, nos dará forzas, luz e responsabilidades para chegar ao horizonte posible de sermos nós.

E en todo isto, moito ollo cos "medios de fabulacións" que, créndose líderes de opinións, adónanse posuidores das verdades permanentemente, e así van, en crónicas falsas, pasándose por virtuosos, facendo leña para ben queimar. Nós, as galegas e os galegos, non somos ningunha familia entolecida que gasta as súas forzas nas derivas.

Collamos carreira. Tomemos aire, moito aire. Poñámonos nos desacordos e nas rúas, coa nosa xente da súa man, xa que estar sos fainos máis febles. Queremos que emerxa en Galiza a transformación xusta para non quedarnos na freada do noso movemento colectivo e que nos prive pasar da resistencia (resignación) á ofensiva que nos una. Non máis mingua dos nosos dereitos de Pobo e de Nación. Que non nos queiran facer invisibles e nos carguen co morto desta democracia controlada (domesticada). Non máis anos ruíns. Non o permitamos!

Comentarios