Opinión

Os fíos

Hai un fío de aire finísimo que nos ata a vida. Esa unión tan fráxil é un nó tan transparente que por veces é quen de causar vertixe, un mareo, un arrebato cara o abismo similar ao que senten as persoas que se encontran por vez primeira contra o inabarcable do océano. Nós, que estamos feitos dunha materia estraña que repele aquilo que lle é incomprensible, dunha substancia que procura con ansia a seguridade, tomamos a determinación de tecer arredor dese filamento tan delicado unha trama, unha urdime de febras que actúan de áncora ante o abismo crebadizo que é a nosa existencia.

Disto quero falar en realidade: do pouco que nos separa da morte, do moito que vale cada alento que consumimos e o preto que pode estar de ser o último. Somos case unha nada. Un sopro. E esa consciencia do efémero, da propia insignificancia do que é o noso paso por este mundo é que nos fai converternos en fiandeiras capaces de retar a Minerva para construír unha rede inmensa de pequenas cordas con que dar sentido ao que vivir supón.

Estes fíos tradúcense en mil formas de suxeitarnos ao mundo e, sobre todo, as persoas con quen decidimos habitalo. O amor, o respecto, os odios, as admiracións, as envexas... todo forma parte dun epitelio que dá vida á vida mesma. E en cada unha desas diferentes tramas, deses elos da cadea que forman os seres que nos rodean, sempre, sempre, hai engrenaxes, persoas que emiten unha luz propia confeccionada con ondas que irradian amizade, como a forma máis pura da estima e da fraternidade.

É a amizade unha conexión tan robusta que nin sequera a ausencia pode destruír. Cando alguén importante desconecta ese fío primixéneo, ese cable primeiro que nos ata ao mundo, cando só o recordo queda, é o momento de botar contas, de aprender do vivido en común, de tomar as ensinanzas, o exemplo e, ante todo, de agradecer o tempo común.

E por iso, Miguel, este texto non vai de despedidas senón de agradecemento. Grazas H. polo teu tempo, e por tanta luz para todos os que tivemos a sorte de formar parte desa infinita rede que teceches.

Comentarios