Opinión

Sentidiño

As autoridades sanitarias galegas válense deste termo para chamar á responsabilidade de todas e evitarmos os contaxios. O sentidiño sería a versión galega do sentido común, aquel conxunto de verdades asumidas colectivamente como válidas. Inclúen tamén opinións e hábitos que se tornan maioritarios en determinados momentos históricos e que conseguen manterse vixentes ao longo do tempo. Non é preciso aclarar que o feito de que algunhas desas opinións e verdades prevalezan sobre outras ten moito que ver coa súa maior afinidade co poder vixente en cada momento. O uso do sentido común como argumento de autoridade é habitual nos discursos de moitos dirixentes políticos. Érao nos de Rajoy nos seus tempos de presidente español, quen amosaba a súa querenza pola expresión, xunto con aqueloutra, “como dios manda”, que disimulaba aínda menos as súas intencións autoritarias. O sentido común, lonxe de expresar as verdades referendadas pola comprobación científica e o beneficio colectivo, acada nestes contextos verdadeiros tintes propagandísticos. Vexo que Trump, nas súas máis recentes declaracións, que el gosta de facer en forma de chíos no Twitter para se parapetar fronte ás incómodas preguntas das xornalistas, vén de usar o argumento do sentido común para xustificar a súa vontade de atrasar a cita electoral que ameaza con desterralo da cadeira presidencial. Un presidente que non ten reparos en proclamar publicamente a inxesta de lixivia como medida protectora fronte á Covid-19, non debe ter moi en conta o argumento científico nas súas decisións como gobernante. O feito de enarborar a bandeira do sentido común deberíanos alertar sobre o escaso valor deste argumento nas campañas de concienciación social. En tempos nos que nada semella certo resulta máis convincente a dúbida permanente que expresan as dirixentes da OMS —da que Trump anunciou a retirada dos USA por discrepancias na súa xestión da pandemia. Ben que todas temos ansias de respostas concluíntes e a ninguén lle satisfai descoñecer o mecanismo exacto de propagación do virus, é preferíbel pecar de demasiado prudentes e aferrarse á dúbida como guía de viaxe. Así que deixémonos de sentidiño e informémonos e protexámonos.

Comentarios