Opinión

Resistencia

Alí onde hai poder, hai resistencia. Así describiu o filósofo Michel Foucault o funcionamento das sociedades modernas, nas que non se requiriría dunha violencia explícita para garantir o control social. Unha malla de micropoderes percorrería todo o corpo social, garantindo o mantemento do status quo. Mais ese poder exercido en todos os ámbitos da vida atopa sempre, como un negativo da fotografía, unha resistencia que o desafía. A malla de micropoderes está tan firmemente tecida que é difícil de rachar, aínda que nalgún momento dado algunha desas forzas contrarias sexa quen de esfiañala. Pensemos no ámbito do privado e en como, cos anos, as microrresistencias exercidas por moitas mulleres teñen desencadeado a violencia de moitos homes, pero tamén moitas conquistas a nivel de dereitos .

O termo resistencia foi de uso maiormente político até hai ben pouco. Facía alusión a posicións antihexemónicas que operaban de xeito soterrado, a baixa intensidade pero constante, tratando de minar desde dentro o edificio do poder. Durante o confinamento, “Resistiré” converteuse nun himno contra o inimigo invisíbel que chegara para dominar os nosos corpos. Cada noite, antes da rotineira salva de palmas ao persoal sanitario, a canción soaba en todos os patios de luces do Estado. Se o tema tivo algún sentido político —o pai do autor da letra foi militante comunista represaliado—, a forza de repetilo este acabou diluído como o azucre nunha cunca de café. A canción operou ese lavado de cara sobre o termo que o capitalismo exerce sobre aquelas ideas que lle resultan incómodas. Ao pasar a corentena o sentimento de comuñón fronte ao inimigo común viuse substituído polo individualismo e a ansia de goce inmediato. O termo Resistencia xa está en marquesinas e valados publicitarios, como lema dunha marca de cervexa que explota a súa orixe galega de xeito superficial. Na era postapocalíptica a resistencia exércese erguendo un terzo no canto do puño, e bebendo unhas cañas en amor e compaña. Falar de resistencia galega xa non debería ser motivo de investigación xudicial, agora que vende.

Comentarios