Opinión

Mudar o conto

Leccións de vida concentradas en breves pílulas, iso son os contos populares. Transmitidos de xeración en xeración, permitían explicarlles o mundo ás máis novas e estabelecer o que está ben e o que está mal. Proxectaban a visión do mundo do pobo e permitían ás crianzas enfrontar simbolicamente os seus medos. Os contos de fadas que chegaron até nós son só uns poucos, aqueles que seleccionaron os compiladores dos séculos XIX e XX e que posteriormente a industria Disney se encargou de edulcorar e encher de estereotipos. Ficaron polo camiño contos que non respondían aos intereses dos grupos dominantes, historias onde triunfan as febles e as protagonistas femininas teñen un rol activo. Historias sen príncipes azuis cos que comer perdices, mais de mozas que derrotan, ou cando menos, foxen das gadoupas de maridos sanguinarios. Angela Carter compilou moitos deses contos esquecidos nos que as nenas poderían atopar un exemplo de vida. Porén, seguen a ser descoñecidos, e os relatos dirixidos á infancia onde se rachan os roles tradicionais de xénero están lonxe do mainstream. Resulta complicado explicarlle a unha nena que ser princesa non é o mellor que lle pode pasar, cando toda a industria cultural a bombardea con imaxes idílicas de vestidos vaporosos e amores eternos. Afortunadamente, empezan a xurdir relatos contrahexemónicos na literatura infantil e xuvenil e tamén no audiovisual dirixido ás crianzas. En galego, autoras como Ledicia Costas están a facer moito por achegarlles ás nenas referentes de heroínas afastadas do cliché coas que sentirse identificadas. E temos a marabillosa Pippi Mediaslongas de Astrid Lingren, unha nena valente, insolente e forzuda, que conseguiu atraer crianzas de varias xeracións. Mais, alén da ficción, será na súa casa, na rúa ou na escola onde cada nena atopará o espello onde escoller entre Pippi ou Branca de Neve. É cousa das adultas mudar o conto.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios