Opinión

Ensaios da vida fóra

Teatro Principal de Santiago. Asisto a unha representación por primeira vez nesta nova normalidade. Das catrocentas localidades que ten este espazo emblemático, só setenta poderán ser ocupadas. Os palcos recuperan o seu orixinal carácter íntimo, ao ficar restrinxidos a unha soa persoa ocupante, o que se cadra vai propiciar novos usos para estes receptáculos. Quen sabe se de aquí a un pouco non será posíbel recibir unha masaxe ou tomar un refrixerio mentres se asiste a unha función. Calquera idea é boa se serve de escusa para aumentar o prezo do billete e facer un pouco máis rendíbel unha actividade que, nas actuais condicións, semella ruinosa.

Dou unha vista de ollos ao patio de butacas. Reina o silencio. As persoas vanse situando nos lugares asignados, con catro butacas anuladas entre cada asento. Dous metros que semellan excesivos sendo a máscara de uso obrigado en todo momento. Desde o meu palco trato de adiviñar a identidade das enmascaradas. Os meses de confinamento fixeron estragos en corpos e peiteados. A maneira de movernos no espazo tamén mudou na nova normalidade. Saúdo ás que recoñezo con xesto de man. O sorriso adivíñase nas engurras da máscara e do contorno de ollos. Teremos que perfeccionar a nosa expresividade de nariz para arriba.

Os actores en escena, ironicamente, son os únicos coa cara descuberta. Cústalles captar a enerxía de tan reducido e espallado público mais o oficio permítelles incorporar esa circunstancia ao guión e, aos poucos, conseguen gañar a nosa complicidade. Axiña os sorrisos amplifícanse até virar gargalladas que arroupan os operarios da escena. Ao remate, batemos palmas até doer as mans, nun intento por encher os ocos forzados pola distancia social. O teatro fai por reinventarse, como sempre fixo. As censuras e a precariedade obrigaron a atopar solucións artísticas que acabaron na cerna da linguaxe escénica. Suplíronse decorados con símbolos, intérpretes por monicreques e personaxes con xiros de guión. Foi e será o ensaio da nosa vida fóra.

Comentarios