Opinión

A non alternativa non é alternativa

Coa frase do título deste artigo iniciaba Otegi a presentación pública, en novembro, do documento Estratexia Enerxética de EHBildu, documento ao noso entender importante, pois marca o camiño que vai seguir esta forza política no ámbito enerxético e muda posicións anteriores; só rexeitan a tecnoloxía nuclear e, a respecto da eólica mariña, consideran máis acaído, sorprendentemente, que as empresas vascas a desenvolvan na Galiza. 

Este documento xera conflito con parte da súa base social, véxase o que acontece en Azpeitia, mais é unha proposta estratéxica de Goberno: pretenden que a enerxía consumida en Euskal Herria sexa un 75% con fontes renovábeis e reducir o consumo nun 50%; como as propostas de xeración non chegan para atender o consumo, resólvese pola parte da demanda, na necesaria minoración do consumo, aínda que para “casar as contas” fíxase un obxectivo sen considerar os efectos de recesión, precarización e pobreza que suporía.

Mais no Estado estanse dando outras intervencións ao respecto. Catalunya vén de constituír a súa empresa pública de enerxía, denominada l’Energètica, coa pretensión de xerar, distribuír e comercializar electricidade, tamén con fontes renovábeis, e coa recuperación de centrais hidroeléctricas con concesión vencida.

Lambán anunciou a necesidade de compensar Aragón polos seus excedentes eléctricos; non foi unha ocorrencia, xa hai algúns anos que a Deputación de Huesca, con maioría do PSOE e a proposta deste partido, votou por unanimidade solicitar unha rebaixa do 20% na tarifa eléctrica para o seu territorio pola xeración hidroeléctrica que posúen e que, en parte, teñen recuperado para o público.

Caso diferente da Generalitat Valenciana. Segundo informe da UE de 2019, a capacidade de xeración fotovoltaica enchendo todos os tellados do Estado (se isto fose posíbel) é de 65 TWh (teravatios hora), o que supón o 28% do consumo eléctrico actual, mais se queremos descarbonizar a economía, tamén o transporte, o consumo será de 1.000 TWh; é dicir, enchendo os tellados non chegamos nin ao 10% do consumo enerxético, e sen contar o tempo que levaría facelo, tempo que, precisamente, na transición enerxética xa non temos. Perante este dilema de práctica política, a Generalitat preferiu cesar o Director Xeral de Transición Ecolóxica, persoa moi cualificada, antes que admitir o impulso da fotovoltaica tamén en terra; cousas da visión política curtopracista e dopada de discurso fácil no ámbito enerxético.

En Canarias tamén, onde colectivos ambientalistas demandan a construción dunha central hidroeléctrica de bombeo en Güímar (Tenerife), como actuación urxente para a descarbonización e o autoabastecemento.

Na Galiza temos o PP na Xunta, sen ningunha política enerxética a favor do país, e cun Presidente Rueda que respondeu a unha pregunta do BNG afirmando que se Aragón conseguía algo, Galiza debería ter o dobre; que pobreza, realmente a Xunta só é unha gran xestoría que tramita solicitudes.

O PSOE galego, co secretario xeral á cabeza, semella un comercial das empresas eléctricas, sobre todo eólicas, máis que un dirixente político dun país que debe xestionar un recurso autóctono.

Tanto no caso do PP como do PSOE, quen realmente planifican na Galiza son as empresas enerxéticas, moitas delas públicas, curiosamente ningunha empresa pública galega.

Mentres, no nacionalismo, ao noso entender, bótase en falta un programa enerxético para a acción de goberno en calquera ámbito, que sobarde, concrete e complemente as propostas coñecidas e socializadas: tarifa eléctrica galega, empresa pública galega de enerxía, rescate de concesións hidroeléctricas, estatuto electrointensivo, etc. Sen caer na autarquía, débese apostar pola enerxía quilómetro 0.

A transición enerxética non agarda por ningún proceso electoral, non hai tempo; ademais dunha esixencia medioambiental, tamén é de soberanía enerxética, non dependencia e de impacto dos custos enerxéticos na economía dunha sociedade. Unha demanda de país.

Comentarios