Opinión

Balance eléctrico galego

Balance eléctrico, que non enerxético, deficitario na Galiza, como xa temos comentado en moitas ocasións, igual que na grande maioría de países que non teñen nin petróleo nin gas. Porén, coñecer o noso resultado entre xeración e demanda eléctrica permitiranos analizar as posibilidades que temos de substituír as fontes fósiles polas renovábeis.

Segundo os últimos datos da serie histórica de once anos (2011-2021) publicados por REE, Galiza sempre exportou electricidade, en cómputo anual, tendo que importala en tan só cinco meses nestes últimos tres anos, coas Centrais Térmicas de Meirama e As Pontes xa clausuradas ou en fase de peche.

Cos mesmos datos, nos anos 2020 e 2021 a xeración só con fontes renovábeis, fundamentalmente vento e auga, superou, por primeira vez, o consumo interno; no 2021, o 74,3% da enerxía eléctrica xerada na Galiza foi renovábel, fronte a só o 46,7% do Estado. Mais, como tamén temos repetido moitas veces, estes datos son en cómputo anual, pois no caso galego a xeración renovábel é enorme durante uns poucos meses, e supera o consumo, situación que se concentrou en seis meses no 2020 e en só tres no 2021.

Agora ben, o importante é analizar o por que do resultado do balance anual positivo só coas renovábeis. No caso galego, a causa non semella ser o incremento na produción destas tecnoloxías, pois houbo anos (2013 e 2014), nos que a xeración renovábel foi maior. A resposta está no consumo, e é moi preocupante: no último ano, o consumo na Galiza baixou nun 9,4% a respecto da media da serie 2011-2021, a maior caída de todas as CCAA, mentres que no Estado a diminución foi só dun 2,4%.

Os datos do mes de xaneiro deste ano, recentemente publicados por REE, confirman esta tendencia, cunha baixada do consumo do 22,6%, previsíbel pola parada das cubas de Alcoa e o funcionamento irregular doutras eletrointensivas na Galiza, mais desproporcionada e moi alarmante.

Este decrecemento no consumo galego non responde a medidas de eficiencia e aforro enerxético, algo moi desexábel, senón a un menor consumo doméstico polos altos prezos da electricidade, especialmente nas economías máis precarias e, sobre de todo, ao parón industrial. Entón, para que producir máis?

Dende unha visión galega, pódese relacionar co obxectivo da non dependencia enerxética e da transición enerxética, que obrigará a unha electrificación doutras actividades, como o transporte, incrementando o consumo; en coincidencia cun libro de Cambre Mariño, publicado no 1968, no que xa afirmaba: "Este excedente enerxético, que puidese ser aproveitado para o fomento industrial na Galiza, é exportado a outras rexións españolas e mesmo ao estranxeiro ao amparo dunha lexislación absurda que unifica tarifas. Como se ve, o beneficio é negativo para Galiza".

E con outra visión distinta, centralista e colonial, poderíase usar parte da afirmación de Cambre Mariño para xustificar así o mantemento do papel exportador galego, visión que defende REE (empresa pública estatal, nestes momentos PSOE-IU-Podemos), quen, na súa planificación 2021-2026 contempla actuacións na Galiza co obxectivo de que "... a súa posta en marcha contribuirá ao proceso de transición ecolóxica en España, facilitando unha maior integración da xeración renovábel". Nada de novo modelo enerxético como pretenden vender, nun exercicio de malabarismo político-sindical e de representación empresarial oculta, os que comparten a visión de REE e están a promover o chamado Pacto de Estado (?) por unha Enerxía Eólica Sostible (?), máis preocupados do para quen producir máis.

Galiza está a cumprir xa os obxectivos para o 2030, máis avanzada que a maioría das CCAA do Estado, polo que temos marxe para reflexionar, sen atender a urxencias impostas dende fóra, sobre de que modelo enerxético queremos, saber para que e para quen producimos, con que tecnoloxías de xeración e de almacenamento; pero, sobre de todo, para que, desta volta e para sempre, o resultado deixe de ser negativo para Galiza.

Comentarios