Opinión

Xornalismo no bosque

A entrevista transcorre nun bosque. Descoñecemos se a intención do xornalista é reflectir unha atmosfera da clandestinidade ou reproducir a fábula do ogro, pero el sabe máis do seu paradoiro que a xustiza que o persegue. E vaino respectar. O xornal decidiu atender a chamada dese home condenado a cinco anos e oito meses de cárcere por violencia de xénero, fugado nos brazos da autoimpunidade, "para dar a súa versión". Porque, neste caso si, a cabeceira considera que a palabra dos tribunais pode ter un "pero". Nunca noutros.

O home que coñecemos nun programa de telerrealidade, a quen vimos maltratar verbalmente a muller que dende aquel formato se converteu na súa parella e, máis tarde, na nai das súas crianzas, segue a ter altofalantes porque o sistema llo permite. Despois de todo, pode levantar o teléfono coa tranquilidade de que o interlocutor manterá a salvo o seu escondedoiro a cambio da información máis lida da semana, e non fai falta ter os datos na man para sabelo. Sábeo quen escribe e quen lle paga, e iso foi suficiente para deixar que a publicación fose para diante.

A versión dun maltratador nos medios nunca é unha información calquera. Sempre hai literatura, romanticismo, épica, licencias novelescas que demostran que, xa postos a levarlle a contraria á xustiza, hai sitio de sobra para a ficción. Por iso a entrevista afonda sen rubor na figura do "canallita", no espírito salvaxe que se rebela contra o mundo e se refuxia no alcohol –que o explica e o xustifica todo–; esa figura tan comercial e humanizadora dun proscrito que transforma o xornalismo en calquera outra cousa, menos nun servizo público. Non falta a fotografía na que o vemos con cabelo desamañado e barba de varios días, como un náufrago á deriva tras o naufraxio dun sistema que, insinúan, a quen verdadeiramente maltrata é aos homes.

A mesma semana que contamos o asasinato de Milena Sánchez e de Cristina Cabo, cando lembramos o 25 aniversario do testemuño fundamental de Ana Orantes na televisión para poñerlle nome a unha violencia normalizada, alguén decide que entrevistar a un maltratador condenado e fugado é unha boa idea. Hai un xornalismo de dúas velocidades perante a violencia de xénero e, nunha delas, alguén transita polo bosque sen licencia para conducir. A sociedade merece algo máis de quen vai ao volante dos medios.

Comentarios