Opinión

Tetas de batalla

Aprimeira vez que lemos que o noso corpo é un campo de batalla sentímonos poderosas. Todas pasamos por ese momento antes ou despois, cando temos que encaixar nun canon, cando nos mostramos demasiado, ou demasiado pouco, o día que descubrimos e agochamos o noso pracer ou aquel no que sangramos con vergoña e revisamos cen veces a impecabilidade da roupa. Cando decidimos prescindir da parte de arriba na praia, aleitar unha criatura en público, interromper un embarazo, someternos a un arduo proceso para ser nais, ou cando enfermamos e deixamos de ser para alguén mulleres completas mentres todo ao noso redor se tingue de cor de rosa.

A imaxe de Eva Amaral a peito descuberto no escenario do Sonorama co puño en alto mentres berra REVOLUCIÓN é unha imaxe poderosa. Tanto é o seu poder que leva días en todas as bocas, todos os titulares e todos os enxeños das redes sociais. As tetas de Amaral convertéronse nunha icona e nun orgullo para quen desexamos que os nosos peitos deixen de ser sometidos ao escrutinio e a aprobación do ollo que os mira. Para que ningún señor teña o poder de facernos sentir sucias ou avergoñadas por amosar as nosas tetas simplemente porque non llas estamos ensinando exclusivamente a el.

As nosas tetas son un campo de batalla como todo o que ten que ver con nós. Hai moito tempo que coñecemos o seu poder e a conxuntivite que provocan no ollo que as mira, dende a representación nas obras de arte ata a censura nas redes. Por iso hai anos que trampeamos a lascivia dese ollo con primeirísimos primeiros planos de mamilas que non se sabe de quen son para que algún que outro cerebro rebente. E alá foi o cartel dunha película de Almodóvar e ducias de puntiños e aréolas de corpos indeterminados, soldados caídos na primeira liña da censura moderna.

Non sei que ten a épica que, tantos séculos de morte e destrución despois, segue a liberar altas doses de adrenalina. Sempre chega o instante no que as mulleres sabemos que o noso corpo está en guerra porque alguén está en guerra co noso corpo. Por iso nos presta a idea de que, para poder existir en igualdade, temos que partir a cara e os dentes. Eu teño días, algúns de puño en alto, outros nos que penso na sorte de que exista Eva Amaral. A esencia da mensaxe de Barbara Kruger "your body is a battleground" é, por riba de todo, unha chamada de atención para nos deixen en paz.

Comentarios