Opinión

Saudades da igualdade

Cando hai cinco anos comezamos a saír en masa ás rúas berrando feminismo, a reacción dalgunhas persoas foi estrañamente defensiva. Un dos argumentos de quen semellaban ofenderse coa loita pola igualdade efectiva entre mulleres e homes era que lles parecía unha parvada porque iso –dicían– xa estaba conseguido. Recorrían á situación das mulleres en países islámicos ou latinoamericanos, onde lles resultaba sinxelo identificar desigualdades evidentes. Coma se a verdadeira ameaza do machismo con todas as súas violencias non residira precisamente no que non se ve a simple vista.

Medramos coa mensaxe de que o que chamabamos "malos tratos" eran malleiras, mais pouco a pouco comezamos a comprender que a dimensión da violencia contra as mulleres ía moito máis alá. Para iso foi crucial a creación do primeiro Ministerio de Igualdade na segunda lexislatura de Zapatero, baixo a responsabilidade de Bibiana Aído; un departamento específico creado por e para acadar a igualdade real e loitar contra a discriminación por razóns de xénero, etnia, discapacidade ou orientación sexual. Entre outras cousas, o Ministerio de Igualdade contribuíu a nomear moitas realidades que, sen poder ser pronunciadas ata entón, non existían na política: a violencia de xénero adquiriu nome, apelidos e o peso punible da Lei.

A valentía de situar a igualdade como un dos piares da axenda política tivo un prezo elevado para a ministra Aído, como tamén o está a ter agora para Irene Montero. A pesar do difícil que se presenta o camiño, do moito que semella que todo o que poida facerse é pouco, ningunha responsabilidade política recibiu nunca tanta violencia continua como a de Igualdade. A resistencia a erradicar unha cultura que normaliza que nos maltraten, nos violen e nos maten por ser mulleres é demasiado alta.

Vanesa foi asasinada en Oia o pasado sábado pola súa ex parella, garda civil. De novo, puxéronse en evidencia os déficits do sistema perante os maltratadores, e como ata aqueles que están para protexernos poden ser os nosos verdugos. Só tres días despois, o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, con moitos números para se converter no próximo presidente do Goberno, anunciou que pretende eliminar o Ministerio de Igualdade. Eu temo ter saudades da igualdade. Poucas ideas se presentan máis terribles que a de botar en falta as políticas que nos nomean, nos inclúen e nos protexen.

Comentarios