Opinión

Protexernos

No cerebro das nenas de toda unha xeración hai un resorte que se activa coa mesma escena do mesmo filme de animación. Ariel, a famosa sereíña de Disney de cabelo rubio e curiosidade infinita, enfronta o seu pai cando este se nega a deixala subir á superficie e relacionarse coas persoas humanas. "Cres que quero ver a miña filla atrapada por un anzol?", di o rei Tritón mentres sostén o queixo da súa filla máis nova. Entón ela afástase coma se as mans do pai a queimaran e rebate con dureza: "Xa teño dezaseis anos, non son unha nena!".

É xusto nese momento cando milleiros de mentes de nenas de diversas orixes, distinta pel, en boa parte do mundo, comezan a emitir un son afiado. Pipipipipí. Alerta liberdade. Pipipipipí. Activada rebeldía. Pipipipipí. Non, non vou ser unha nena para sempre. O impulso que nace nese preciso instante prevalece ao longo da cinta e é moito máis forte que a violencia do pai, disque posuído pola ira de Poseidón.

Como Ariel, todas as nenas baten de fronte co momento no que non se lles permite deixar de selo. Pero a cousa nunca queda aí, na infancia, nin acaba de resolverse na adolescencia. As mulleres pasamos a vida loitando contra quen nos infantiliza e nos invalida para ser libres e autónomas co argumento de aceiro inoxidable da protección. Unha protección que acotío consiste en pecharnos nunha burbulla de metacrilato eludindo afastar de nós os tiburóns. "Non debería pasar, pero pasa", abdicaba hai un ano a Xunta de Galicia nunha campaña pola que se negou a pedir desculpas. Unha protección mal entendida.

Unha protección que nos ancora ao noso agresor para seguir gravándoo, como lle pasou hai unha semana á xornalista de Mediaset Isabel Balado, tamén é unha protección mal entendida. E unha suposta protección que aparta unha campioa do mundo da selección española de fútbol cun argumento incomprensible ata para a protexida é o nivel supremo dun paternalismo que campa libre valéndose da ignorancia que sobrevoa o termo. "Protexerme de que?", respondeu Jennifer Hermoso nun comunicado. Pipipipipí.

Consciente, seguro, das intencións dunha Real Federación Española de Fútbol incapaz de comprender que había de malo no bico do ex presidente Rubiales e que agora, incapaz de novo, non quere ver a xogadora máis que como un estorbo. Lonxe de ser un camiño, a protección das mulleres vén sendo o pretexto do sistema patriarcal para que nada cambie.

Comentarios