Opinión

Profundidade

As palabras son a unidade de expresión de milleiros de emocións, pensamentos e ideoloxías. Son as ondas dos océanos batendo contra as praias receptoras dunha pequena parte desa masa inmensa de auga salgada. Son, en definitiva, a praia dun conxunto de conceptos abstractos e complexos que debemos debullar, se somos capaces. A min, que non son ningunha experta en conceptos, non me escapa moito do que agochan as palabras Galicia profunda. Non lle escapa a ninguén, de feito, que teña unha mínima sensibilidade e orgullo, aínda que ás veces soterrado, cara a terra na que vive.

No fondo da Galicia profunda hai profundidade. Hai un desprezo á infancia de veráns libres e eternos na aldea dos avós, ás mans fortes e traballadoras ou á loita por sobrevivir a unha urbe engulidora. Á idea impopular de que calquera nena ou neno parte dunha visión máis ampla do mundo cando coñece o rural sen romantizalo. Á crenza de que é posible unha vida mellor volvendo á terra. 

Unha, que tampouco é experta en autos xudiciais, cuestiónase se, máis alá do desprezo que zumegan as palabras escollidas por unha xuíza cara a esa Galicia que tan pouco triunfa nas urbes cando non se trata de ir de casa rural, hai tamén un menosprezo a unha nai que aposta por ela para criar a súa criatura. Se os formalismos dun escrito legal obvian partes fundamentais dunha historia onde novamente unha muller aparece en situación de desigualdade. Se, na práctica, estamos a xulgar un conxunto de palabras, sen reclamar suficientemente todo o que hai no fondo. E xa, de equivocarnos, que sexa despois de transcender o océano.

Comentarios