Opinión

Preguntas

Unha sondaxe preguntaba estes días polo parecer xeral sobre a amnistía para perdoar as persoas encausadas polo procés catalán. A maioría das participantes sinalaron ter unha opinión negativa arredor do mesmo, e tildaban a medida, recollida no pacto de goberno de Pedro Sánchez, de inxusta e de privilexio. Malia non tratarse dunha consulta sobre a intención de voto, a lectura que varios medios fixeron do resultado pivotou en clave electoralista. Como se as eleccións xerais estivesen, de novo, á volta da esquina. 

Para moitas persoas sentadas nas mesas de tertulia, isto supón que, se non estamos a favor da amnistía, pasamos automaticamente a estar en contra do actual goberno de coalición, e, polo tanto, favorecemos un hipotético resultado electoral cara a unha maioría, agora si, clara, indiscutible, cristalina, do bloque da dereita.

Ese mesmo barómetro concluía, ás portas da conmemoración do 45 aniversario da Constitución española, que “a maioría da poboación” avoga por unha reforma máis ou menos profunda da mesma, introducindo cuestións como a xefatura, a confesionalidade ou a plurinacionalidade do Estado. Todos eles, piares sobre os que xa se sustenta a actual Constitución, e que non aportan información sobre outras cuestións que á cidadanía lle poida interesar introducir nunha nova, modificada ou moi reformada carta magna. Afondar na economía, no desemprego, na sanidade, no clima, na diversidade, na corrupción, é afondar nas preocupacións dunha sociedade que, como é lóxico case medio século despois, non é a mesma que era.

E non podemos esquecer unha das preguntas máis repetidas, e con intensa frecuencia nos últimos anos, sobre a preferencia polo actual modelo de monarquía parlamentaria ou por unha república que moita xente xa apalpa coas mans.

Sabemos que as sondaxes, sondaxes son, pero como nos prestan cando nos acertan no gusto. Aferrámonos a elas porque son o mecanismo que temos para expresarnos sobre causas concretas, malia que nunca nos toque ser esa persoa á que chaman por teléfono. O problema é que as sondaxes son o máis parecido a unha ilusión, ou unha desilusión; son o petisco para matar a fame ou, máis acertadamente, para enganar un estómago que roxe polo prato do día. Non temos máis urnas, nin máis respostas, que nos comicios. Ogallá o mesmo medo a aventurar as conclusións dos barómetros que a facer ben feitas as preguntas.

Comentarios