Opinión

Pensar na paz

Cada certo tempo, e especialmente dende que comezou a guerra en Ucraína, busco escribir, sen éxito, unha alegación pola paz que non son capaz de artellar. Cada mensaxe antibelicista coa que concordo nas redes é inmediatamente rebatida por alguén que considera o pacifismo un elemento vacuo, como se as doutrinas de concordia non fosen a revolución pendente máis importante da humanidade. Hai quen cre que solicitar a eliminación das armas e a enxeñería de destrución masiva nun contexto de conflito é unha postura cómoda e fácil. Non o é, en absoluto, e, por se había dúbidas, aí están as reaccións enervadas e ridiculizadoras. 

A sensación de que a postura correcta perante a guerra son as armas é tan real como perversa. É asumir (e aceptar) que é a única resposta útil ao noso alcance, e que calquera xesto contra os instrumentos de morte é unha negación a salvar vidas.

O pacifismo non é nada novo: atrás quedaron as leccións de Hiroshima e Nagasaki, as protestas masivas contra a guerra de Vietnam, o non á guerra de Iraq e aquela pregunta rotunda do manifesto (Bertrand)Russell-(Albert)Einstein pola prohibición das armas nucleares: "Debemos poñer fin á especie humana ou deberá a humanidade renunciar á guerra?". En pouco máis de medio século, pasamos do respecto por aquel texto que se cociñou dende o maior rango científico e intelectual ao desprezo dun colectivo pacifista que critica "dende o sofá da casa". Como se quen apoia vía Twitter os envíos masivos de armamento a unha poboación sen experiencia militar o fixera dende outro lugar.

Nun deses alardes de xornalismo de ida e volta que hoxe practicamente só se encontran no The New York Times, a fotoxornalista Lynsey Addario documentou durante o último ano a vida de Yulia Bondarenko, a profesora ucraína que cambiou as aulas polas armas para defender o seu país da invasión rusa.

Nunha das fotografías vémola metida nun coche, con uniforme militar e as mans no rostro mentres mira cara ao horizonte coa ollada perdida. Acababa de despedirse dunha mestra de matemáticas á que coñeceu nunha aldea do sur de Kíiv.

No texto, o reporteiro Andrew E. Kramer conta que Bondarenko bota de menos o ensino, que leva libros infantís na mochila para animar aos demais recrutas, e como timidamente lle emerxeu a palabra futuro cando, en Aninovo, tivo que despedirse da súa parella. Cando vai ser o momento de pensar na paz, se non durante a guerra?

Comentarios