Opinión

O ollo no papel pintado

A autora estadounidense Charlotte Perkins publicou en 1892 The Yellow Wallpaper, un texto revolucionario que continúa a ter absoluta vixencia. Nas derradeiras boqueadas do século XIX, Perkins cicelou os días dunha muller con depresión posparto nunha casa de campo por indicación do seu home, un doutor de dubidoso criterio cuxa prescrición para ela é o repouso total, prohibíndolle facer o que máis lle gusta: escribir. Por suposto, a protagonista desobedece e redacta o seu diario ás agachadas, no que discrepa co parecer do marido.

A novela supuxo un escándalo pola voz subversiva da protagonista. Ninguén o recoñecía, pero hai unha extrema lucidez na voz desa muller a quen moitas persoas da época atribuían a denominada "histeria feminina", termo erradicado en 1952, mais aínda recorrente para sinalar as mulleres críticas, rebeldes, irreverentes, berronas. As alusións á histeria e á loucura veñen do elemento que dá título á novela, o papel pintado do cuarto matrimonial que a ela a irrita profundamente.

Nel ve figuras, seres atormentadas que evocan a tolemia de outra muller recluída no mesmo cuarto noutro tempo. Por iso, cando o texto de Perkins comezou a ser recoñecido, moitos aventuráronse a enmarcalo nun xénero de terror, non pola terrible circunstancia da protagonista e a carencia de axuda empática e efectiva, senón pola agoniante idea de acabar atrapada nas grecas da parede. 

H.P. Lovecraft sinalaba que a obra delineaba "a loucura que se cerne sobre unha moza que vive nun cuarto horriblemente empapelado". Mais o tempo foi dando reflexións máis atinadas, como a de Maggie O'Farrel no limiar da edición máis recente da novela: "É un berro, non tanto de desafío, senón de esixencia. A esixencia de ser escoitada, de ser comprendida, de ser recoñecida". Ser considerada unha persoa cunha afección das emocións, e non unha histérica. Poder romper tres raquetas, como o tenista Alexander Biblik, ou cagarse na divinidade, como o piloto de Moto GP Aleix Espargaró entrando en boxes. E que non pase nada.

Escribo estas liñas o 2 de novembro de 2023 cunha dor no peito que confundín con ansiedade e que resultou ser unha infección respiratoria. Tres días sen solicitar atención sanitaria polo medo ao estigma, ao paternalismo, a ser narcotizada como remedio superficial a unha histeria que son incapaz de xestionar. Sinalar o ceo e que o mundo vire o ollo ao papel pintado.

Comentarios