Opinión

"Ola, guapa"

Linkedin non é un espazo seguro. Sabémolo quen dende hai anos estamos rexistradas nesa rede social profesional, e dende hai uns meses tamén o confirman as cifras: o 91% das 1.000 mulleres que participaron nunha investigación online afirmaron ter recibido algunha vez mensaxes inapropiadas ou insinuantes por parte de homes na caixa privada da rede da busca de traballo por excelencia. O 39%, propostas de encontros sexuais ou románticos.

O 30% unha vez ao mes e o 24% cada un ou dous días. E case a metade sinalaron ter denunciado perfís de usuarios en máis dunha ocasión por estes motivos. Practicamente ningunha temos que facer un grande esforzo para atopar algunha mensaxe fóra de lugar no rexistro de mensaxes.

Á pouca garantía de conseguir un emprego a través desa rede –con excepcións en sectores moi específicos– únese a vulnerabilidade á que as mulleres desempregadas ou en situación de precariedade estamos sometidas por parte de quen ostenta sobre nós un poder económico. Porque a desigualdade de xénero, sexamos como sexamos e atopémonos na situación que nos atopemos, non lle escapa ao mundo laboral.

Detrás da polémica do bico de Luis Rubiales a Jenni Hermoso do que non deixamos de falar hai un trato desigual de anos ás xogadoras de fútbol e milleiros de historias de mulleres acosadas ou incómodas por xestos, comentarios e actitudes no seu ámbito profesional. Hai teitos de cristal, renuncias para coidar, case nunca por gusto, alcumes infantilizantes e os dous bicos por sistema mentres vemos como aos nosos compañeiros lles tenden a man.

Calquera intento de erradicar os bicos como forma de saúdo ás mulleres no mundo laboral é respondido inmediatamente co argumento “as que bicades sodes vós”. “Se me bica unha muller que fago, apártome?”. A nula corresponsabilidade habitual, tamén na oficina.

En pleno ano 23 do século XXI deberían existir xa poucas dúbidas de que non debemos consentir un “ola, guapa” nas mensaxes privadas de Linkedin, como tampouco calquera xesto de intimidade que os nosos colegas non reciben nun contexto profesional, nin moito menos un bico nos beizos ou un tocamento. Non debemos consentilo ninguén, e non só as mulleres, quen semella que debemos ser as precursoras e as artífices de todo o que teña que ver coa igualdade real que urxentemente precisamos e merecemos todas as persoas.

Comentarios