Opinión

Obituario

O luns quitouse a vida un mozo da aldea do lado. Non era exactamente un amigo nin exactamente un veciño, pero fun das primeiras en sabelo. Tiña a miña idade, igual que tantos outros que decidiron baixar da vida en marcha, algúns moito antes, outros despois. Tiña estudos, un traballo e unha boa familia, como moita xente nova á que a realidade lle supón, contra todo prognóstico popular, un agravio comparativo no que nada resulta abondo para chegar onde lle prometeron.

Entereime pola mesma persoa que, quince anos atrás, me comunicara o suicidio doutro rapaz da aldea. Non é casualidade. Ambas compartimos un pasado no que nos reuniamos diante do palco da orquestra nas festas de verán e o mal corpo que xa nunca nos abandonou despois daquela verbena; ambas aprendemos igual de ben a importancia de apreciar a vida como o fácil que é que a vida nos engula; e ambas volvemos quedar conxeladas este luns porque non hai normalización posible dunha realidade, aínda hoxe, tan silenciada.

No obituario do xornal contan, con mesura, que o noso compañeiro faleceu. Nos comentarios, alguén especula: “Últimamente mueren muchos jóvenes, ya sabéis...”. Non hai ningunha voz autorizada que poida dicirlle que non, señora, o noso veciño non morreu por unha vacina. O noso veciño suicidouse.

Que a mocidade se suicida, cada vez máis, e que o suicidio é a primeira causa de morte entre a xente nova. Que os datos do INE que se publicaron ao día seguinte gardan unha relación dramática co obituario, aínda que non se estableza unha vinculación.

Que, por respecto á familia, rara vez se menciona nun medio de comunicación a causa da morte cando é autoinflixida. Que, porén, se non hai causa, moito menos vai haber un recoñecemento de que a morte pode ser, en realidade, unha consecuencia de moitas cousas que se poden abordar e que non son lacras, nin desperdicios, porque teñen orixe e solución.

A diferenza de hai quince anos, a recente preocupación polo suicidio permítenos abordar o problema cos datos na man. Por iso é cada vez máis difícil entender por que continúa a ser un tabú e un nido de especulacións surrealistas que esmagan a realidade máis brutal. E mentres, aquí, as que quedamos despois daquela verbena na que nos pensabamos tan felices, acollemos con dor a noticia do pasamento doutro compañeiro e lemos con impotencia eses datos que nunca recollen os obituarios.

Comentarios